Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
CARLOS CALLÓN, PRESIDENTE DA MESA

"A política lingüística deste Goberno foi continuísta se non de retroceso"

A Mesa pola Normalización define a actitude do PP cara ao galego como de racismo lingüístico.

Redacción - 14:15 27/08/2008

O emprego do galego nos diferentes ámbitos da nosa sociedade dista moito de cumprir a lexislación. Así o asegura Carlos Callón, quen vén de criticar a actitude do Partido Popular, así como a de "poderosos grupos económicos e mediáticos" por considerar que hai linguas "de primeira e de segunda". Callón ofrece datos para amosar que a realidade é ben diferente á que defenden estes colectivos: no ámbito da educación o galego está lonxe de cumprir os parámetros legais estabelecidos. Así, na Universidade só se emprega o galego en porcentaxes moi baixas (8,9% na da Coruña, 16% na de Vigo e 20% na de Santiago de Compostela). A situación non muda se nos achegamos ao ensino non universitario, con cifras como que o 65% dos centros infantís non garanten o emprego do galego.

Precisamente á Consellaría de Educación lanza Callón algunhas das súas críticas máis duras. A Mesa pola Normalización asegura estar "esgotada" e esixe que se fagan públicas as enquisas elaboradas por este departamento para avaliar o uso do galego no ensino. Estes datos estaban recolleitos xa no pasado mes de outubro, mais a Xunta dixo que agardaría ao remate do curso para facelos públicos. A MNL sospeita que a demora responde a un intento de maquillar os datos para que non reflictan ás claras a situación "calamitosa" que está a atravesar a nosa lingua.

Nas súas críticas ao Partido Popular, o presidente da Mesa acusa a Alberto Núñez Feijóo e a Mariano Rajoy de "seguir as mesmas tácticas que Acebes ou Zaplana noutros ámbitos políticos" e lamentou a actitude do presidente popular ao acudir a Galiza para presentar a súa proposta legal para reducir a lingua na sociedade, cousa que fai – dixo – "porque sabe que a nosa lingua é débil e que ten menos forza institucional que outras linguas tamén oficiais do Estado como o catalán ou o vasco.

Balance do bipartito
A piques de cumprirse a lexislatura, Carlos Callón fala de "claros e escuros" no que a política lingüística do bipartito se refire. Asegura que as prácticas deste goberno incurriron nun "continuísmo evidente, cando non deron pasos atrás". Así, menciona o sector comercial, onde no canto de mellorar a normativa se introduciron elementos propios do clientelismo, outorgando subvencións polo uso do galego sen que este se potenciase realmente. Outro tanto sucede segundo Callón no caso do sector audiovisual, onde mesmo algúns medios de comunicación se favorecen de axudas ao galego cando realizan "campañas fóbicas" na súa contra. E así, a MNL menciona outros sectores, como o educativo, a publicidade, o cine... e un longo etcétera.

Doutra banda, a Mesa tamén recoñece avances neste período como as propostas das galescolas, a lei do comercio ou algunhas prácticas levadas adiante pola Consellaría de Industria.


4,6/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: