Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MEMORIA HISTÓRICA

O xuíz Garzón pídelle á Igrexa que achegue datos sobre os desaparecidos na Guerra Civil

A Audiencia Nacional solicítalles tamén información a alcaldes de diferentes localidades e ao Centro Documental de Memoria Histórica.

Redacción - 18:25 01/09/2008

O obxectivo desta petición é dilucidar se a Audiencia Nacional é competente para investigar as denuncias presentadas perante este tribunal por parte de varias asociacións de memoria histórica, nas que solicitaban a persecución penal por delitos de lesa humanidade aos autores de asasinatos, torturas ou exilios forzosos cometidos no Estado Español a partir de 1936.

En calidade de xuíz de instrución número 5 da Audiencia Nacional, Garzón requírelle á Conferencia Episcopal que lles comunique a todas as parroquias do Estado que permitan o acceso á Policía Xudicial para que esta poida identificar a posíbeis vítimas desaparecidas a partir da Guerra Civil, a través dos libros de defuntos.

Ademais, o maxistrado solicítalle á Abadía Benedictina da Santa Cruz do Valle de los Caidos e á Delegación do Patrimonio Nacional en San Lourenzo do Escorial que proporcionen información sobre o nome das persoas soterradas neste lugar, a súa procedencia xeográfica e as causas do soterramento.

Doutra banda, Baltasar Garzón tamén lles pide aos alcaldes de Granada, Córdoba, Sevilla e Madrid, así como ao reitor da Universidade de Granada o nome das persoas soterradas nas fosas comúns dos seus cemiterios; tamén a data da súa morte e as circunstancias desta, ademais de preguntar pola existencia dalgún rexistro público.

Represión da masonería e do comunismo
O maxistrado solicitoulle tamén ao Centro Nacional da Memoria Histórica que informe se dispón dos ficheiros do Tribunal Especial para a Represión da Masonería e o Comunismo e pídelle tamén información á Dirección de Rexistros e Notariado e ao Centro Documental da Memoria Histórica.

Finalmente, tamén require ás asociacións que acheguen toda a información da que dispoñan das persoas que están a practicar exhumacións de vítimas, para que poidan ser controladas polo seu xulgado e os seus resultados valorados.

Os colectivos que impulsaron esta denuncia foron a Asociación de Familiares de Fusilados de Navarra e as Asociacións para a Recuperación da Memoria Histórica de Andalucía, Valencia, Cataluña, Aragón, Mallorca, Valladolid, Ponteareas, Serra de Gredos, Toledo e Arucas.


Ligazóns

5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: