Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Oficialidade dunha realidade secular

Setembro de 1933: Galiza, unha nación en Europa

Esta semana cúmprense 75 anos do recoñecemento nacional do noso país polo Congreso de Nacionalidades Europeas, organismo da Sociedade de Nacións, predecesora da ONU.

Fernando Arrizado - 13:10 18/09/2008
Plácido Castro

Plácido Castro

"O Partido Galeguista, partido nacional dos galegos, representado no parlamento español polos deputados Otero Pedraio, Castelao e Suárez Picallo, declara solemnemente (...) que conta con máis de dous millóns de almas e habita a totalidade do territorio de Galiza, é unha nación ben definida, que se diferencia claramente dos outros pobos que habitan España. A súa orixe, a súa historia, o seu idioma, e os seus costumes xustifican esta diferenza dunha maneira absoluta".

Con esta declaración, presentada en galego e en inglés e aprobada polo IX Congreso de Nacionalidades Europeas que tivo lugar en Berna entre o 16 e o 18 de setembro de 1933, o noso país ingresaba neste organismo adxunto á Sociedade das Nacións (a ONU de entreguerras). Esta semana, xa que logo, cúmprense -exentos de celebración institucional ningunha- os 75 anos do recoñecemento internacional de Galiza como nación europea.

No entanto, dende a Fundación Plácido Castro -intelectual e político galeguista que nos representou en Berna- pretenden contrarrestar o esquecemento oficial coa organización dunha mesa redonda para analizar este feito histórico. Será este venres ás 20.00 horas na Casa da Cultura de Vigo, e contará coa presenza dos deputados do BNG e do PSOE no parlamento español Olaia Fernández e Ceferino Díaz, respectivamente. A intención é que un membro do outro partido con representación no Hórreo tamén participe, mais "problemas de axenda" fano pouco probábel. Ningunha outra formación foi convidada.

Moderará o encontro Xulio Ríos, director do Igadi -instituto que alberga á Fundación Plácido Castro- e un dos principais impulsores da recuperación e da divulgación daquel recoñecemento, de que, tal e como escribía o propio Castro días despois en El Pueblo Gallego, "por primeira vez na súa historia, Galiza concorreu con personalidade propia a un Congreso internacional".

Ríos considera que serviría ademais para resolver un dos principais problemas que se presentaron o ano pasado durante o debate para a reforma estatutaria: "Fóra do fin político de cada un, xa sexa a autodeterminación, a independencia, o autonomismo, o rexionalismo, ... o sucedido en 1933 é un feito histórico". "É unha realidade da que hai un gran descoñecemento na sociedade e que os líderes políticos galegos non deberían obviar", engade.

A Fundación tamén está a xestionar coa Concellaría de Cultura de Vigo a colocación dunha placa en memoria de Plácido Castro na rúa da Reconquista, lugar onde viviu o cambadés logo de que un tribunal militar da Coruña o condenase a vivir como mínimo a 100 quilómetros de Muxía pola súa actividade política durante a II República Española. Non sería a primeira vez. Hai cinco anos inaugurouse outra placa no mesmo lugar, mais poucas semanas despois apareceu esnaquizada.


Ligazóns

5/5 (40 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: