"Se unha consulta pode pór en risco a sacrosanta soberanía da nación española, é que realmente a nación española é moi feble".
Ibarretxe, este venres no parlamento vasco
O presidente do goberno de Euskadi, o lehendakari, Juan José Ibarretxe, advertiu de que a consulta popular vaise organizar "malia os límites do aramado" que o PP e o PSOE puxeron a través do Tribunal Constitucional (TC). Ademais, engadiu que "máis cedo que tarde", o uso do dereito a decidir servirá para "solucionar o conflito vasco".
Na súa intervención no parlamento, Ibarretxe reiterou que os vascos reclamarán en Europa o dereito a decidir porque o Estado Español "está violando o Convenio Europeo de Dereitos Humanos". Neste senso, dixo que os membros do seu goberno, "a título persoal, xunto con outros miles e miles de cidadáns vascos, van alzar a súa voz en Europa co obxectivo de restituír o dereito de opinión e participación política, que inxusta e incomprensibelmente foi suspendido".
"Se unha simple consulta pode pór en risco, nin máis nin menos, que a sacrosanta soberanía da nación española, é que realmente a nación española é moi feble", cre Ibarretxe, que considera ademais que a decisión do TC de impedir a consulta é "un ataque frontal ao autogoberno político", ante o que aposta "por unha resposta serena e pacífica, mais tamén firme e contundente".
Ademais, sinalou que ETA "continúa sendo o principal obstáculo para a paz e a normalización política" e recordou que "a inmensa maioría da sociedade vasca exíxelle que manifeste claramente a súa vontade de pór fin á secuela do terrorismo, dunha vez e para sempre".