Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Normalización lingüística

Feijoo dispara, o Bloque terma e Touriño acalma

O líder do populares censura o "nacionalismo radical" do BNG no tema do galego, mentres que o presidente da Xunta pretende asumir o papel de conciliador.

F. A. - 19:30 23/10/2008
Feijoo, esta quinta feira

Feijoo, esta quinta feira

Os tres grupos parlamentarios manteñen unha postura inamovíbel ao respecto da política lingüística; cadanseu a súa. O PPdeG, que advirte que derrogará o decreto do galego no ensino en caso de chegar á Xunta, asegura nos medios que apoia o Plan de Normalización Lingüística; porén, no Hórreo escúdase en circunloquios para non o amparar explicitamente e ter que votar xunto con BNG e PSdeG, impedindo deste xeito reeditar o consenso lingüístico.

"Lamento que o PSOE siga o ditado do BNG; nós sabemos o que queremos, estamos orgullosos do galego, queremos promocionalo e impulsalo, pero sen imposicións", declarou Alberto Núñez Feijoo esta quinta feira, de novo ante os medios de comunicación ."O PP non se vai desmarcar nunca do bilingüismo cordial pero non ten inconveniente en desmarcarse do nacionalismo radical", engadiu o presidente do partido en Galiza.

Feijoo, ao analizar o acontecido esta cuarta feira no Parlamento, declarou que o obxectivo da iniciativa presentada polo BNG -consensuada e temperada previamente co PSdeG- é obrigar a secundar unha determinada orientación no uso da lingua "sen nin sequera falar, dialogar e chegar a un acordo co partido maioritario da Cámara". "O PP de Galiza leva vinte anos cunha política lingüística que non vai cambiar porque 13 deputados do BNG queiran outra; alá o Partido Socialista", engadiu.

"Aí debemos deixalo", di Touriño

Ao respecto deste asunto tamén se manifestou o presidente da Xunta logo do Consello semanal, esta quinta feira. Emilio Pérez Touriño sinalou que "non é bo para Galiza romper o consenso". O PPdeG debe explicar "por que non participa nun acordo para pór en valor unha lei e desenvolver un plan" a prol da lingua propia do país, engadiu tamén en referencia as ameazas contra o decreto do galego.

Ademais, pretendendo asumir un papel conciliador e moderado, Touriño requiriu de todas as forzas políticas "altura de miras" nos "grandes temas", buscando "o que une e non o que separa". Nesta liña, aos populares ofreceulles unha "man tendida" para "traballar xuntos nesa dirección"; por outra banda, recomendou -sen citar a ninguén- "non proseguir eternamente dándolles voltas" a acordos xa ratificados. "Aí debemos deixalo", sentenciou o presidente do Goberno.


5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: