Veciños da parroquia de Coruxo afectados pola depuradora denuncian a "peneira á medida do alcalde" supostamente realizada por membros da policía local.
Membros de colectivos veciñais de Vigo achegáronse este luns até o xulgado de Instrución nº4 da cidade para presentar denuncia contra o rexedor, Abel Caballero, acusándoo de non deixarlles asistir ao pleno municipal e criticando a presunta existencia dunha "lista negra". Afirman os veciños que Caballero teima en bloquear a entrada dos críticos á súa xestión.
O novo enfrontamento veciñal co alcalde tivo lugar despois de que cidadáns residentes na zona de Coruxo e afectados pola depuradora se achegasen até a Casa do Concello para asistir ao pleno ordinario deste luns. Segundo lle explicaba aos medios Loli Pazó, voceira do colectivo, no momento de acceder, e cando se lle deben achegar os datos do Documento de Identidade á Policía Local para recibir a correspondente acreditación que permite a entrada cidadá, fíxose "unha selección" entre as persoas que permanecían alí.
Pazó afirmou que algúns dos afectados lograron entrar e foron quen, posteriormente, de interromper o pleno para recriminarlle ao alcalde que non lles reciba. Ademais, entregaron un informe no que expoñen a súa situación e critican o proxecto da nova depuradora prevista na zona.
Non é a primeira vez que se produce un episodio deste tipo, e o alcalde Abel Caballero xa recibiu denuncias anteriores polo mesmo tema. Así, a comezos de ano, colectivos veciñais xunto co Movemento polos Dereitos Civís presentaban denuncia na Fiscalía da cidade e tamén fronte ao Valedor do Pobo polo mesmo motivo. Daquela, Caballero impedíralle a un grupo de veciños asistir á sesión onde se ía tratar a aprobación do PXOM. Daquela, o Valedor confirmou o inicio dunha investigación ao respecto.