Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A militancia decide este xoves

Día de pulso para o PSOE vigués

Coñécese a lista liderada por Manel Gallego, con beizón da dirección do partido, e que leva a Abel Caballero como candidato a presidente local.

Redacción / EP - 09:00 30/10/2008

Ás portas do pulso do PSOE vigués, continuaba até este mesmo mércores sen coñecerse polo miúdo a lista apoiada pola dirección do PSdeG-PSOE. Unha lista á fronte da cal o deputado Manel Gallego, actual secretario xeral, opta á reelección, e que non fora publicada oficialmente. A ocultación acendeu a indignación dos rivais, que insisten tamén en denunciar que se lles agochou o censo de militantes e advirten da existencia "sospeitosa" dun amplo número de afiliados recentes. Outra das críticas era a previsíbel ausencia de interventores e apoderados que garantan a transparencia das votacións. Así as cousas, os socialistas vigueses votan este xoves desde as 20 horas nun hotel da cidade sobre o futuro da agrupación local.

Candidatos a liderar o 'avespeiro'
Finalmente, este mércores a axencia Europa Press tiña acceso ao documento sobre o que os socialistas locais votan este xoves, e que recolle 27 membros na executiva, aos que se suman catro secretarios executivos de organización e outros 24 secretarios executivos, entre os que figuran varios cargos institucionais. A candidatura de Gallego inclúe así o alcalde Abel Caballero, como presidente da agrupación, a voceiro do PSOE no Senado, Carmela Silva, como vicesecretaria xeral, e Ángel Rivas como candidato a repetir como secretario de organización. Tamén aparecen o director xeral do gabinete da Presidencia da Xunta, Abel Losada; o xefe de gabinete da Alcaldía de Vigo, David Regades; e varios concelleiros, como Isaura Abelairas, Carlos López Font, Santos Héctor Rodríguez e Xulio Calviño.

Fronte a eles, a lista de Carlos Príncipe está formada por vinte persoas, entre as que destaca o sindicalista Xosé Manuel Cobos, o ex concelleiro Xesús Álvarez Salgado e a mestra Dolores Alonso Lemos. Por outro lado, a corrente encabezada por Gonzalo Caballero presentou unha candidatura de 34 persoas con nomes como o do ex deputado Isidoro Gracia ou o do último secretario de Xuventudes Socialistas, Xoán Blanco.

Príncipe e Caballero foron moi críticos coa "falta de transparencia" no proceso e referíronse ás presuntass "presións externas do poder institucional" no proceso de renovación na agrupación local viguesa. Xa que logo, só eles presentaron publicamente as súas propostas, e criticaron que, a 24 horas de que se celebre a votación, "a lista da candidatura oficial non aparece por ningunha parte", tal e como esixe o regulamento interno do partido para unhas eleccións deste tipo. "Seguen facendo o que lles mandan en Madrid e os socialistas merecemos que os asuntos do partido a nivel local se resolvan en Vigo", afirmou ao respecto Príncipe, condenando a "prepotencia e soberbia" da actual executiva, á que acusa de "escurantismo e falta de democracia".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: