A cimeira de Washington remata co compromiso de reformar o sistema financeiro. Nova reunión, en abril.
A cimeira desta fin de semana en Washington remata cun acordo dos países membros do G-20 -mais os estados español e holandés- para abordar as reformas necesarias no sistema financeiro, baseadas nunha maior transparencia e regulamentación, e que promovan unha maior integridade no sistema.
As medidas máis destacadas deste plan de acción deberanse pór en marcha antes do 31 de marzo de 2009, segundo se recolle nas conclusións. Ademais, rexeitan o proteccionismo, un compromiso que chega logo dos millonarios plans de rescate á banca. Neste senso, piden relanzar antes de finais de ano a rolda de liberalización comercial de Doha.
As medidas para facer fronte á crise económica e financeira inclúen a adopción a nivel interno de cada país de medidas de estímulo fiscal para facer fronte á recesión e a posta en marcha de colexios de supervisores para controlar os bancos máis importantes do mundo.
Tamén comprométense a reformar as institucións financeiras internacionais, como o Fondo Monetario Internacional (FMI), o Banco Mundial (BM) e o Foro de Estabilidade Financeira, unha institución ligada ao G-7 onde están representados os bancos centrais e os supervisores, para aumentar a representación e a participación das economías emerxentes.