Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pide cárcere e inhabilitación

A Fiscalía acusa o ex alcalde de Gondomar de prevaricación urbanística "reiterada"

O ex rexedor do PP afronta as denuncias xunto con cinco compañeiros edís, acusados todos eles de conceder licenzas de construción "totalmente ilegais".

Redacción - 17:30 01/12/2008

Carlos Silva (PPdeG), ex rexedor en Gondomar, e cinco concelleiros da Xunta de Goberno, son acusados pola Fiscalía dun presunto delito de "prevaricación urbanística" no municipio pontevedrés nos anos 2005 e 2006. A Fiscalía entende que os imputados prevaricaron "continuada e reiteradamente". A vista oral contra os cargos municipais rematou este luns coa petición por parte do Ministerio Público de penas de 18 meses de cárcere e 10 anos de inhabilitación para cada un dos acusados.

A Fiscalía expuxo que as irregularidades manifestas comezaron en maio de 2005, cando a Xunta enviou requirimento pedindo a paralización de licenzas e rexeitando o acordo plenario co que o Concello teimaba en ignorar as advertencias. Así, o goberno local concedeu até 37 novas licenzas urbanísticas tomando como referencia o Plan Xeral de Ordenación Municipal de 1997, malia que tal documento xa fora anulado polos tribunais. Máis tarde, e despois de que a Xunta optase pola vía xudicial e se producise unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), anulando o acordo co que o goberno local pretendía a validez do PXOM, Gondomar seguiu emitindo licenzas até xaneiro de 2006.

Concelleiro "na sombra"
O fiscal cualificou de "peculiar" o feito de que o propio edil de Urbanismo non estivese na Xunta de Goberno local, unha "hábil actuación" que o salvou do proceso, malia que segundo a investigación, a Fiscalía non tería dúbidas de que é este "quen manexa os fíos na sombra". De paso, critican as "vaguidades" nas declaracións dos acusados, aos que ironicamente lles reprochan que lembren "con total precisión" os informes favorábeis cos que xustifican as licenzas.

Tales informes son o principal argumento da defensa, que insiste en que os técnicos tiveron en consideración eses documentos á hora de botar adiante as licenzas, xustificando que rexedor e concelleiros se limitaron a aprobar os permisos. Segundo o avogado defensor non queda probado que existise "conciencia" de que se actúa en ilegalidade, motivo polo cal solicita a absolución dos acusados.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: