Con todos os trámites legais xa superados, o corpo policial só está pendente de que a Consellaría de Presidencia aprobe un decreto.
Hai dous anos o Consello da Xunta aprobaba un proxecto de lei para dotar a Galiza dun corpo policial propio. Diante dos xornalistas, o presidente Emilio Pérez Touriño subliñaba que a creación da Policía Galega era a única competencia do Estatuto de 1981 que aínda estaba sen desenvolver. Logo dun cuarto de século, o bipartito comprometíase a poñer nas rúas axentes con competencias plenas no mantemento da orde pública.
Seis meses despois, en maio de 2007, o Parlamento aprobaba a Lei de Policía de Galiza. O camiño ficaba aberto para que a Consellaría de Presidencia, que ten as competencias, arpobase un decreto que puxese en marcha a creación efectiva. Porén, dende o primeiro momento, o conselleiro Méndez Romeu subliñou que o proceso sería lento. Posteriormente sinalou que os primeiros axentes do novo corpo estarían na rúa en 2009 e que o despregamento estaría listo en 2015.
Aínda que é certo que o despregamento dun corpo propio que vaia substituíndo nas súas funcións á Garda Civil e á Policía Nacional é complexo, fontes do bipartito consultadas por Vieiros recoñecen que o posicionamento do goberno español non axuda. O ministerio do Interior, que dirixe o socialista Alfredo Pérez Rubalcaba, intenta ralentizar o proceso, consciente de que a creación da Policía Galega vai espertar as críticas dos sectores máis reaccionarios e centralistas.
Dezasete anos cun modelo subalterno
Os gobernos Fraga nunca quixeron apostar por unha policía propia. Cando en 1990 a dereita regresou a San Caetano aparcou un anteproxecto de lei do tripartito para a creación da Policía Galega. Pablo González Mariñas (daquela conselleiro polo cupo do PNG) era un dos principais artífices daquela proposta. O anteproxecto apuntaba a necesidade de 2.000 axentes autonómicos con competencias plenas que irían paulatinamente asumindo competencias. Naquel momento a Ertzaintza estaba aínda delimitando funcións cos corpos policiais estatais e os Mossos d' Esquadra planificaban o seu despregamento por todo o territorio (que comezaría catro anos máis tarde).
En 1991 a Xunta saca da manga unha solución diferente á vasca e á catalá. En vez de policía propia, o Goberno apostaba por unha mera Unidade Adscrita da Policía Nacional. Os trescentos axentes cedidos polo goberno español seguían a depender do Ministerio do Interior español. Este modelo subalterno foi copiado despois por comunidades como Asturias, Andalucía, Aragón e Valencia.
Euskadi, Navarra e Cataluña son as tres únicas comunidades do Estado que na actualidade contan con modelos policiais realmente autónomos. O corpo policial vasco conta na actualidade con algo máis de oito mil axentes; o catalán preto de 14 mil; e o navarro con pouco máis dun milleiro. Se se cumpren os prazos, Galiza contaría en 2015 con catro mil axentes.