Presidencia prepara unha nova versión para "finais deste ano ou principios do que vén" que será tamén en galego.
A Deputación de Lugo comprometíase hai máis dun ano a cumprir coa Lei de Normalización Lingüística, algo inédito nos mandatos anteriores cando Francisco Cacharro Pardo (PPdeG) era presidente.
Aínda que houbo avances, cumprir coa palabra dada halle de levar aínda un pouco máis de tempo á coalición de goberno que conforman PSdeG e BNG; polo de agora, a web da institución provincial continúa a ser accesíbel só en castelán, fóra dalgunha excepción como as novas ou a "Saúda do Presidente", que é bilingüe.
Esta situación podería mudar finalmente dentro dunhas semanas. Segundo afirman dende Presidencia, departamento encargado súa da xestión, xa hai elaborado un borrador da nova páxina que substituirá a actual, e que desta volta si terá versión en galego.
Será "a finais de ano ou principios do que vén", informan as mesmas fontes, cando despois de anos de 'traballo' e de pasos para adiante e para atrás, está previsto que a Deputación de Lugo cumpra coa lexislación vixente e ofreza os seus servizos na lingua propia do país.