O ex presidente da Xunta, fundador do
PP e senador por Galiza, Manuel Fraga Iribarne, afirmaba esta quinta feira pola mañá, ao ser preguntado pola posibilidade de limitar o peso dos partidos nacionalistas na política estatal, que
había que ponderalo "pendurándoos dalgún sitio". As reaccións non se fixeron esperar.
Presidente do Goberno: "Soan fortes" O presidente do
Goberno, Emilio Pérez Touriño, considerou que as declaracións "soan fortes". Á súa saída do Consello desta semana, dixo que "o que axuda a segregar e é sectario, non é boa contribución".
Ademais, defendeu que "a pluralidade política" é un "valor" recollido na constitución española que "debe ser respectado e garantido". "Hai que facer un esforzo pola convivencia e non pola división", razoou Touriño
BNG: "Mesma contundencia que con Tardà" Pola súa banda, o voceiro do
BNG no parlamento español, Francisco Jorquera, reclamou "unha reprobación unánime" dos
populares ás palabras de Fraga, e "mesmo" a entrega "da acta de senador". Ao respecto de se debería desculpar, manifestou que "se tivese un pouco de sentido común, pediría perdón", mais asegurou que "o BNG non llo vai pedir".
"Non ofende quen quere, senón quen pode", engadiu Jorquera, que dixo que vería con "preocupación" que o PP "non reaccione coa mesma contundencia" ante estas palabras ca cando o fixo coas "desafortunadas" do deputado de
ERC Joan Tardà.
ERC recorda o caso do presidente da FEMP Precisamente, o voceiro desta formación, Joan Ridao, cualificou de "antidemocráticas" as declaracións de Fraga, e esixiu ao PP que pida a súa dimisión como fixo co presidente da Federación Española de Municipios e Provincias, Pedro Castro, por unhas declaracións en que descualificaba os votantes da dereita.
CiU: "O PP gobernou cos nacionalistas" Tamén en Cataluña, o presidente de
CiU, Artur Mas, criticou o ex presidente da Xunta, e recordoulle que o seu partido gobernou no Estado co apoio de nacionalistas vascos e cataláns. "Se non fose polo sentido de Estado dos nacionalistas vascos, cataláns, etcétera, moitas das cousas que se fixeron no Estado Español non se poderían ter feito", dixo.
Mas recoñeceu que as palabras de Fraga non se deberían interpretar literalmente porque significarían "unha especie de reinstauración da pena de morte, só dirixida aos nacionalistas porque deben de ter un pecado orixinal, que é sentirse cataláns, ou vascos ou galegos".
"Nacionalistas galegos, cataláns, vascos ou españois?" Tamén dende as institución, concretamente dende o
goberno de Euskadi, houbo réplica ao senador. A súa vicepresidenta, Idoia Zenarrutzabeitia (
PNV), sinalou que as propias manifestacións o "descualifican", e preguntoulle se se refire a nacionalistas galegos, cataláns, vascos ou españois.