Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O voto na emigración

O Senado cambia "depuración" por "revisión" e apoia que se arranxe o CERA

"Xa fixemos moito e ben", asegura o PSOE. "Fixemos pouco pero outros teñen máis responsabilidade", di o PP. O BNG advirte que o goberno español ten que actuar.

Redacción - 09:00 18/12/2008

"Dotar a todos os consulados do Estado Español dos recursos humanos e técnicos necesarios para poder levar a cabo durante o mes de xaneiro do próximo ano 2009 un proceso extraordinario de revisión exhaustiva do Censo Eleitoral de Residentes Ausentes (CERA)". Así o expón a moción aprobada este mércores polo Senado, a iniciativa de Xosé Manuel Pérez Bouza (BNG) ao respecto do censo na emigración.

Pérez Bouza recordou na súa intervención as denuncias realizadas sobre as irregularidades no censo de ausentes e pediu o apoio do Senado a prol dunha deputación "completa, de oficio e permanente". Recordou o senador galego que o propio Ministerio de Exteriores admite que até un 30% do censo de 333 mil electores de Galiza no exterior desaparecería da lista se esta fose revisada a fondo, é dicir, cen mil potencias votos no gume da fraude posíbel.

O representante do BNG acusou o goberno español de incumprir a promesa de realizar unha depuración "exhaustiva, sistemática e permanente", compromiso que o executivo estatal asegurou no seu momento que se efectivizaría antes das últimas eleccións xerais, celebradas en marzo pasado. Bouza recordou a galería de queixas ao fío do voto da emigración, denunciando a "peregrinaxe de cargos públicos", criticando os actos pagados "con cartos públicos" e os "casos probados de contratación de axentes electorais pagados con subvencións públicas".

Sen necesidade de cambios legais: só "vontade política" e recursos
"É o mínimo esixíbel se queremos que o resultado electoral non se poña en cuestión", indicou o senador galego, "contar cun censo depurado e real que evite o surrealista espectáculo de que poidan votar os motos ou de que un cidadán poida votar varias veces nun mesmo proceso electoral".

Con esa fin, insistiu Xosé Manuel Pérez Bouza en que é posíbel a depuración do CERA sen levar a cabo ningunha reforma legal da actual normativa. "Simplemente é necesaria vontade política e dotar os consulados de medios humanos e técnicos para que estes poidan realizar con carácter urxente unha depuración do censo", expuxo.

O PSOE propón mudar "depuración" por "revisión"
Argumentando que a expresión "depurar" implica connotacións negativas, a senadora socialista Susana Sumelzo achegou unha emenda á moción do Bloque que introduciu a expresión "revisión". Do mesmo xeito, e independentemente de como afronte o proceso o goberno español, os socialistas propoñen que haxa un informe ao respecto "antes da fin de febreiro de 2009", documento que se cadra xa chegará en plena campaña electoral en Galiza.

"Non podemos negar que quizais existan erros no CERA", concedeu Sumelzo, malia defender que PSOE e goberno español "nunca permaneceron pasivos fronte a esa cuestión". A senadora aragonesa asegurou que o executivo realizou "grandes esforzos" para solucionar os problemas, e dixo estar seguro de que os erros "non enturbian o proceso electoral". "Desde que gobernamos os socialistas existe un proceso permanente de revisión mensual do CERA", teimou.

"Un paripé", opina o PP
"Imos votar a favor, malia que consideramos que é un simple paripé", achegou Corina Porro, senadora viguesa do PP, na súa última intervención no debate. "Estoulles acostumada aos brindes ao sol", dixo Porro, acusando o PSOE de "dobre xogo", votando unha cousa en Galiza e outra en Madrid. A senadora do PP afirmou que o voto exterior "ten notábeis carencias, tanto na seguridade xurídica e transparencia como en garantías democráticas" e definiu de "urxencia" a depuración do censo.

"Todos fixemos máis ben pouco sobre este asunto e todos somos por omisión responsábeis da situación actual", concedeu Porro, malia insistir en que "uns son máis responsábeis ca outros", en referencia á intervención do grupo socialista. "Agora temos unha oportunidade de avanzar", dixo a senadora galega. Corina Porro rematou citando o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, recordando unha intervención deste en marzo de 2006 no Parlamento onde Touriño daba por feito de que nos comicios seguintes "a emigración votará en urna". "Non se cumpriu", laiouse.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: