O Consorcio da Zona Franca, propietario dos terreos do complexo da ETEA, onde se van situar as instalacións, recibirá 30 millóns da Xunta e do Concello.
Vista aérea da zona que ocupará a Cidade do Mar / Google Maps
A Cidade do Mar poderase facer realidade despois da aprobación por parte do Consello da Xunta dun convenio entre o Goberno, o Consorcio da Zona Franca e o Concello de Vigo. O proxecto científico-tecnolóxico estará emprazado nos terreos da antiga Escola de Transmisións e Electrónica da Armada (ETEA) na cidade.
O proxecto vai supoñer un investimento de 100 millóns de euros e nos seus centros traballarán máis de 400 investigadores. Promovido pola Xunta cooa colaboración do Ministerio de Ciencia e Innovación, estará dedicado á investigación, ao desenvolvemento tecnolóxico e á innovación no ámbito mariño, impulsando o papel de Galiza como referente internacional.
O convenio fixa que a Xunta accederá á dispoñibilidade dos terreos e edificacións, actualmente propiedade da Zona Franca. Xa en outubro de 2007 o Consello acordara encargarlle á Consellaría de Educación un Plan Sectorial que regulase a implantación do Campus científico-tecnolóxico Cidade do Mar.
Ese plan, en fase de aprobación, estabelece unha zonificación de usos para o complexo da ETEA, con algo máis de 40 mil metros cadrados para usos científico-tecnolóxicos, 14 mil como área de reserva e 7.500 para actividades de ocio. O convenio habilita o Concello de Vigo a acceder a 31 mil metros cadrados de equipamento deportivo, estacionamento e parque, e ao conxunto de viais e espazos libres, de 20 mil metros cadrados.
A Xunta accederá á titularidade pagándolle 18,5 millóns de euros á Zona Franca. O importe achegarano as consellarías de Educación e de Pesca. O Concello de Vigo, pola súa banda, garantirá achegar 11,5 millóns máis mediante a xestión urbanística do PXOM no ámbito de Guixar.
Operacións de avais
O Goberno tamén aprobou operacións de apoio a empresas de automoción, téxtil e do sector agroalimentario por importe de 24 millóns de euros. Os avais estarán formalizados polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). O sector máis beneficiado será o da automoción, con 22 millóns para Viga, MGI Coutier e Copo.
Outros seis millóns irán destinados ao sector téxtil, ás empresas Lanera de Galicia e Montoto. Finalmente, no sector agroalimentario concedéronselle tres millóns á cooperativa Feiraco e 700 mil euros a Conservas Guau. Noutros sectores recibirán avais Industrias Pizarreras García Aguado (1,47 millóns), Gráficas del Noroeste (700 mil euros) e Indeport (1,33 millóns).