E pola creación dun Observatorio Oceanográfico e para que a candidatura conxunta do Gerês-Xurés sexa proclamada reserva da biosfera.
Así o revelaron esta terza feira, en conferencia de prensa, o ministro do Ambiente, Ordenamento do Território e Desenvolvimento Regional portugués, Francisco Nunes Correia, e o presidente da Xunta, Emilio Perez Touriño, após xuntarse para preparar a vindeira cimeira luso-española que se ha desenvolver en Zamora o vindeiro 22 de xaneiro.
Para os dous políticos, o proxecto de creación dun Observatorio Oceanográfico conxunto e dun programa de revalorización do Miño son "prioridades" na cooperación entre Galiza e Portugal. De feito, ámbolos dous gobernos han loitar por conseguir fondos comunitarios para desenvolver estes traballos de cooperación transfronteiriza.
Touriño confía en que o parque Xurés-Gerês sexa declarado en abril Reserva da Biosfera
Touriño anunciou, ademais, que a candidatura conxunta do Parque Nacional portugués da Peneda-Gerês e do Parque Natural da Baixa Limia-Xurés foi presentada en decembro na Unesco, e confiou en que será aprobada en abril deste ano.
Segundo explicou o presidente do Goberno, "estamos a falar de dous espazos senlleiros, protexidos, o do único parque nacional do lado portugués e o parque natural máis grande da parte de Galiza", abondou, indicando que, en total, abrangue un territorio de arredor de 100 mil hectáreas. "Un espazo que será, no momento de ser declarado reserva da biosfera, o primeiro parque conxunto con esta denominación no espazo ibérico", insistiu, lembrando que a tramitación "está moi avanzada".
O río Miño "é especial para as comunidades que vivem dos dois lados da fronteira"
Polo seu lado, o secretário de Estado do Ambiente, Humberto Rosa, precisou que o proxecto para o río Miño baséase en revisar conxuntamente o curso natural que liga Portugal e Galiza. Segundo Rosa, "do lado galego, o Minho já está a ser alvo de grandes investimentos para despoluição, pelo que deste lado há também trabalho a desenvolver, uma vez que o Minho é um rio especial para as comunidades que vivem dos dois lados da fronteira", salientou.
Rosa tamén se referiu á creación do Observatorio como un instrumento necesario que "permita melhorar a gestão da biodiversidade marinha no sentido de fomentar a pesca sustentável", e explicou que xa existen estudos para a súa creación. Polo seu lado, Touriño dixo que este proxecto "podería botar a andar xa en febreiro".