Denuncian que se lles priva da posibilidade de dispensar, o que pode supoñer a perda de 2.500 postos de traballo.
O Tribunal Superior de Xustiza aceptou o recurso contra o decreto da Receita Electrónica que interpuxo a Comisión Coordinadora de Técnicos e Auxiliares de Farmacia. O colectivo denuncia que a lei pode supoñer a perda de postos de traballo.
Nun comunicado publicado pola coordinadora, asegúrase que a receita electrónica lle podería afectar negativamente a 2.500 técnicos e de auxiliares de farmacia do país que traballan nalgún dos 1.200 estabelecementos. Segundo a comisión, "motivará que moitos dos estudantes das ramas sanitarias en centros formativos non teñan saída profesional".
O problema débese a que o texto só autoriza a dispensación dixital de medicamentos aos farmacéuticos "cun golpe de elitismo fora do normal négaselles aos técnicos e auxiliares", afirman os recorrentes. Disto culpan a Consellaría de Sanidade e o PSdeG, cos que mantiveron "longas e infrutuosas conversas", mentres que aseguran que tanto o PPdeG como o BNG "si se preocuparon" polo asunto, como demostraron en varias preguntas parlamentarias.
O colectivo quere deixar claro que defende "publicamente que esta futura lei é moi necesaria e beneficiosa para a cidadanía", pero entende que "non tería que significar prexuízos para ningún colectivo".