Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Mobilización nas organizacións políticas xuvenís

Na procura do apoio da mocidade: 92.110 novos votantes

As principais formacións políticas proxectan actos específicos para a presentación dos seus programas de propostas sobre xuventude.

Redacción / Europa Press - 13:15 07/02/2009

Os candidatos á Presidencia da Xunta de PPdeG, PSdeG e BNG apoiaranse nas súas organizacións xuvenís para explicar as propostas programáticas destinadas a este colectivo e que se darán a coñecer en respectivos "grandes actos". Neles, Alberto Núñez Feijoo, Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana apelarán ao voto dos que por primeira vez teñen dereito ao sufraxio.

Mobilizar o voto dos menores de 30 anos é un dos aspectos estratéxicos no que traballarán as tres principais formacións políticas para tratar de aumentar os apoios recorrendo a un espectro no que se incorporarán 92.110 votantes fronte aos pasados comicios de xuño de 2005.

Segundo a avaliación das respectivas organizacións xuvenís de cada unha das formacións políticas con representación parlamentaria, o sufraxio dos menores de 30 anos vai ser "decisivo" nos comicios do 1 de marzo. Así, a secretaria xeral de Xuventudes Socialistas, Loli Rodríguez, entende que entre os apoios dos mozos "hai un respaldo importante" aos socialistas e destacou que este colectivo percibe "que o cambio está en marcha". Pola súa banda, a presidenta de Novas Xeracións do PP en Galiza, María Seoane, cre que os sufraxios deste colectivo "daranlle a volta" ao resultado "como en 2005" e "levarán a Feijoo á Presidencia da Xunta"; a secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, considera que a "xente nova se expresará para non volver ao pasado" e "sabendo que o BNG fai políticas para eles". Na difusión das políticas xuvenís, as bases das tres formacións levarán a cabo as súas respectivas campañas electorais paralelas, pero interconectadas coa dirección.

Mitins e ideas para mocidade
No caso de Novas Xeracións, María Seoane avanza que se levará a cabo un "grande acto" con mozos para presentar as liñas programáticas neste campo, aínda que non está decidido o escenario, que se baralla sexa o día 15 en Ourense ou Santiago de Compostela. Os mozos socialistas e nacionalistas non pecharon aínda a data nin o lugar en que se levará a cabo estes actos, nos que se presentarán as políticas pensadas para o colectivo xuvenil e incluídas no programa electoral.

O emprego e a vivenda constitúen os ámbitos centrais nos que basearán os seus discursos as xuventudes das tres formacións. Novas Xeracións censurará a xestión do bipartito en materia laboral e denunciará o que cualifican de "fuga de cerebros" ou a escaseza de vivendas protexidas reservadas para a mocidade. Polo seu lado, Xuventudes Socialistas e Galiza Nova reivindicarán os avances alcanzados nesta lexislatura. As bases do PSdeG incidirán nos pasos para mellorar o emprego ou nas bolsas educativas. As do Bloque avalarán a xestión de Xuventude e Vicepresidencia e defenderán o compromiso coa vivenda. Neste último punto, o programa electoral do BNG reclama reservar un 35% da vivenda de protección autonómica para os mozos, algo que cunha porcentaxe do 20% tamén propón o PP no seu. Así mesmo, os socialistas apostan por impulsar este ámbito, aínda que sen fixar unha cifra.

Seonae critica a xestión da Xunta e a "fuga de cerebros", así como que o bipartito non chegase a aprobar de forma definitiva unha lei de xuventude. Para facer as súas "fortes reivindicacións", os mozos populares realizarán actos de "contacto coa xente, escoitando á sociedade". Deste modo, irán ás "universidades, a onde están os mozos" e realizarán actos temáticos nos ámbitos máis "importantes" que afectan a este grupo social, entre os que incluirán por exemplo a reivindicación do tren de proximidade, as dificultades para atopar unha vivenda ou como buscar traballo. Á beira da campaña, Novas Xeracións incorporou á web a ferramenta Emprego.net, con ofertas laborais.

Pola súa banda, Xuventudes Socialistas tamén se centrará en traballo de rúa e desprazarase ao máximo de lugares posíbeis nos que protagonizará actos "improvisados e programados" onde "escoitar" a mocidade. Neste sentido, Dolores Rodríguez destacou o "éxito" deste tipo de accións noutras eleccións, e precisou, que tamén farán festas con mozos e actos dedicados a eles.

Galiza Nova, indicou a súa secretaria xeral, Iria Aboi, prepara concertos e festas, así como material específico para repartir entre o colectivo que representa. Fará unha campaña en "todos os lugares onde haxa mozos" e dedicará un apartado específico a informar aos universitarios de que "poden exercer o dereito a voto por correo", xa que a convocatoria "coincide co período de exames", lamentou Aboi. Entre outros, celebrarán actos específicos para reclamar vivenda para os mozos, a extensión da gratuidade do transporte até Bacharelato e o fomento do emprego.


4/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



María Seoane, presidenta de Novas Xeracións do PPdeG
María Seoane, presidenta de Novas Xeracións do PPdeG
Loli Rodríguez, secretaria xeral das Xuventudes Socialistas
Loli Rodríguez, secretaria xeral das Xuventudes Socialistas
Iria Aboi, segunda pola esquerda, secretaria xeral de Galiza Nova
Iria Aboi, segunda pola esquerda, secretaria xeral de Galiza Nova