Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIONS NO MACBA: BAYRLE, MEIRELES

Entre un pop-art subversivo e unhas instalacións perigosas

Autoestradas, billetes falsificados, “coca-colas” subversivas, Mao saudado por ximnastas, un brasileiro e un alemán. Estamos a falar de arte?

Lito Caramés - 19:30 23/02/2009

O Museu d'Art Contemporani de Barcelona (MACBA) vén de inaugurar varias exposicións que xuntan obras e artistas dos últimos corenta anos. De orixes ben diferentes, teñen preocupacións vitais similares, aínda que as solucións artísticas adoptadas son ben dispares. Faise a seguir unha achega a dúas destas exposicións por mor de estimular a súa visita.

Cildo Meireles (Cildo Meireles). O artista brasileiro Cildo Meireles vén de recibir o Premio Velázquez de Artes Plásticas, 2008. Desde os anos sesenta a súa obra sempre estivo ligada e condicionada polos sucesos políticos e sociais do Brasil, territorios que percorreu moitas veces, primeiro da man do seu pai, traballador do Serviço de Proteçâo aos Índios.

O que se presenta no MACBA é un moi amplo elenco de pezas de Meireles, desde os anos sesenta até hoxe. Centramos as referencias en dous apartados, temáticas ou accións artísticas.

-Crítica político-social. Durante a ditadura que o Brasil sufriu desde mediados dos sesenta, Meireles busca actuacións públicas (non tanto a creación dunha obra para ser vendida). Así elabora unha serie que leva o “inocente” nome de Inserçôes em circuitos antropológicos (1971). Dentro dela recreou (e agora pódese ver no MACBA) Zero cruzeiro, a redución á inutilidade da moeda oficial do estado brasileiro. Non só manipula os billetes oficiais (nunhas propostas estético-críticas que escoran polas beiras dos ready-mades, que xa fixera Duchamp), senón que os retratos que asomaban nos billetes oficiais cambiounos pola imaxe dun indio kraô, nun dos casos, e pola foto dun interno dun manicomio.

Polos mesmos anos embárcase noutra serie (tan inocente como a anterior): Inserçôes em circuitos ideológicos (1970). Dentro desta, o que lle deu máis renome a Meireles foi o Projeto Coca-Cola (1970). Nas botellas convencionais e comercializadas no Brasil, Meireles inseriu mensaxes tan claros como os seguintes:

YANKEES GO HOME!

Gravar nas garrafas informações e opiniões críticas e devolvê-las à circulação.

O obxectivo de Meireles, unha vez máis, era ese: incluír escritos críticos en botellas que circulasen por todo Brasil. O medio é a mensaxe?

-Instalacións. Non deixan de ser creacións crítico-reflexivas tamén, pero si que cambia moito o formato. As instalacións son aparatosas montaxes, performances, construcións.

De todas as que se poden ver no MACBA unha leva por título Missão/Missões (Como construir catedrais), 1987. Esta actuación xurdiu dunha reflexión sobre as misións que se fixeron en Brasil (e estados limítrofes) no século XVIII. Ao marxe doutras consideracións, para Meireles, a misión foi un xeito de que unha civilización absorbera a outra. Xa na instalación, do teito colgan uns 2000 ósos e no chan hai 600.000 moedas. No medio, como un fío -un cordón umbilical- colga unha restra de 800 hostias, das de comungar.

Cara o final da exposición atópase Através (1983-89). É toda unha ampla montaxe para circular por ela. Barreiras metálicas, rexas, separacións de vidro, non impiden a visión do centro nin das partes, pero si barran o paso. Cando se camiña pola obra, sobre vidros -metaforicamente estase a romper o vidro, a barreira translúcida-, o que facemos é rachar os obstáculos e camiñar “através” da instalación, do seu ser e do seu sentido. A travesía pode ser perigosa pola irregularidade do chan, chan estrado de anacos de cristais que dificultan o percorrido. Através é unha reflexión do artista sobre a represión coa que temos que vivir nas sociedades actuais, proposta que nola transmite a nós cando nos invita a camiñala, e a destruír atrancos.

Diria que ja no som a Kansas, Thomas Bayrle.

Do alemán Thomas Bayrle (sempre vivindo en Frankfurt, sempre fóra dos circuítos artísticos) móstrase unha escolma de obras desde os anos sesenta até a actualidade. De toda a produción que se presenta, insistirase en tres temas que sempre o preocuparon e que están en moitas das súas pezas.
-Individuo-masa. Como se preserva o feito individual no capitalismo consumista? Unha das temáticas máis repetidas por Bayrle ao longo dos anos é a situación do individuo na sociedade masificada. Para ilustrar, parodiar e criticar a masificación das cidades usa a imaxe da autoestrada, ese artiluxio comunicativo, que incomunica. Con cartóns e autos en miniatura trata de recrear os labirintos da velocidade e das distancias. Un dos casos máis paradigmáticos destas creacións é “$” (1980), onde se poden ver as múltiples vías de comunicación reproducindo o logotipo da moeda de USA. Outro é “Ascensión” (1988) sobre unha foto en branco e negro e pequena, repetida e repetida, represéntase un cristo crucificado (feito coa mesma foto, repetida e repetida). Metáfora dos novos verdugos da humanidade? Tratarase, outra volta, do cristo moderno sobre o que xa rimara Curros Enriquez?

-Unidade-multiplicidade. Dise que Bayrle é un artista que está dentro do pop art. A verdade é que moitas das súas obras dan esa primeira idea. Pero non. Só hai que mirar con atención para decatarse da crítica, da utilización social das ferramentas dun “estético pop art” para ir máis aló, e comprender as teimas deste artista: a comunicación, a persoa dentro da sociedade. En moitas das obras a técnica é sinxela (ou paréceo, agora que se ve acabada a obra): tomar unha imaxe e reproducila un milleiro de veces até crear unha máis grande. Sempre hai unha correspondencia entre a primeira e o resultado final. Por exemplo: facer un automóbil con infinitos e ananos autos, unha persoa que está lendo con centos de ollos, un fotógrafo con trípode, repetindo o trípode, unha cadeira con feixes de cadeiras, Adan e Eva no Edén a base de repetir a foto dunha parella fodendo etc etc. A meirande parte destas pezas son dos anos setenta e oitenta, seguramente un precedente para outros artistas actuais. Poño por caso a Jonathan Yeo, que é autor, entre moitas outras cousas, dun retrato de George Bush, un collage xerado a partires da repetición dunha parte moi concreta da anatomía humana.

Thomas Bayrle, que foi traballador téxtil, ten comentado moitas veces que o rebumbio monótono das máquinas é para el o mesmo que o “rhythm and blues”. Así, a reiteración dun mesmo debuxo ou dunha imaxe para crear unha peza vén sendo como a acumulación das notas musicais nunha peza de “rhythm and blues”: a propia esencia da linguaxe artística, moi próxima aos quefaceres populares e cotiás.

A obra única-imaxes publicitarias. Nos anos sesenta inventou (cando a ningún outro artista lle ía a idea cara alí) unhas máquinas, sinxelos enxeños movidos por electricidade e onde masas de persoas repiten un movemento. Bayrle chámalles “pinturas obxecto”. Así no MACBA pódense ver os movementos duns ximnastas na presenza de Mao, de amas de casa limpando (Ajax, 1966), de tropas alemás desfilando diante de Hitler etc. En moitos casos válese de imaxes publicitarias (Ajax, Colgate...) para crear unha obra única. Bayrle afirma que esas masas repetindo un xesto, uns ademáns, recórdanlle as xentadas que se amorean nos centros comerciais. Non hai moito pasou por Barcelona unha exposición moi atractiva sobre a arte chinesa actual: “Vermell a part” (Fundació Miró). Os artistas da China están a facer hoxe case o mesmo que Bayrle facía en Alemaña hai corenta anos.

EXPOSICIÓNS: Cildo Meireles / Diria que ja no som a Kansas

MACBA
Plaça dels Àngels (El Raval, Barcelona)
Horario: luns a venres, de 10 a 19.30 h., sábado, de 10 a 20 h., domingo, de 10 a 15 h. (martes pechado)
Até o 26 de abril de 2009.


4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



"Coca-Cola", Meireles.
"Coca-Cola", Meireles.
"Jacke Wie", Bayrle.
"Jacke Wie", Bayrle.
"Através", Meireles.
"Através", Meireles.
"$", Bayrle.
"$", Bayrle.
"Tripode", Bayrle.
"Tripode", Bayrle.