Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Galiza 2009

Quintana anóxase con Feijoo por levar unha campaña "rastreira"

Nun acto coa mocidade, falou, sempre dende o Goberno, e unha e outra vez, do "éxito" da rede de locais de Nsaio, do GzCrea e outras iniciativas dirixidas aos creadores, e turrou contra o PPdeG.

A. Rodríguez / Imaxes: César Galdo - 19:15 25/02/2009

A pesar de que a primeiras horas da mañá as axencias de comunicación informaban que o acto que Anxo Quintana tiña organizado coa xente nova, en Compostela esta cuarta feira, estaba suspendido, debido a un accidente de tráfico que acababa de sufrir o candidato nacionalista, uns quince minutos despois do mediodía, seguindo a Ana Pontón -segunda pola lista do BNG na Coruña-, entraba no Multiusos do Sar sorrinte.

Non houbera tal accidente, e a xente que por el agardaba -unhas 200 persoas sentadas, ocupando todas as cadeiras dispoñíbeis, mais tamén de pé- nada sabía, nin sequera que non pasara nada. Saudábanse e ollaban os compoñentes Proxecto Trepia, o grupo encargado de abrir e pechar o encontro, mentres probaban o son. Algúns, os menos, puñan as camisolas que había nos seus asentos, nas que se podía ler, escrito en grandes letras negras Eu son Anxo Quintana, ou miraban o merchandising: chisqueiros, bolígrafos, lápis e un tríptico feito, ao parecer, para a xente nova no que, con letras "medievais" ou de "Capitán Alatriste", puña A forza que Galiza precisa, por riba dun deseño no que unha man coas siglas do BNG, chanta unha enorme espada no centro dunha rocha, arredando dela a unhas outras mans con luvas e dedos en punta, coma poutas. A man co deseño do PSdeG ten unha luva vermella, como ha de ser; e a do PPdeG, azul. O folleto foi feito por Galiza Nova, e os mozos e mozas que apareceron esta cuarta feira en Compostela tamén foron chamados, na súa maioría, pola organización da mocidade do BNG, mais tamén chegaban de toda a comarca, e doutras vilas.

"As cousas que se valoran son as que se coñecen"
Ao entrar, Quintana ía precedido de Pontón, mais acompañado da conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas -habitual nos seus mitins e actos de campaña-, e o director xeral de Xuventude, Rubén Cela. Foi Ana Pontón quen presentou o acto, dándollela benvida a "creadoras e creadores" e facendo énfase na "enorme capacidade que ten o noso país para crear". "Somos un país de artistas", dixo, parafraseando a Xurxo Souto, "o único problema é que durante 16 anos de goberno de dereitas, no poder estaban aqueles que non crían no país, e non apostaron pola nosa cultura nin pola nosa lingua".

Era a primeira das referencias que se farían ao PPdeG; a seguinte veu da man do propio Quintana quen corrixiu a Pontón dicindo que os anos escuros "foron moitos máis de 16": "Hai que ter en conta que o que derrotamos foi un réxime, que gobernou máis de 50 anos en Galiza... Ou vós lembrades algún outro goberno no noso país que non fose o da dereita?", dixo interpelando os mozos e mozas que tiña en fronte. Moitos deles dixeron que non coa cabeza, aínda que, polo noviños que semellaban algúns, nin sequera se debían lembrar dos primeiros anos da era Fraga.

"Neses anos houbo quen pensou que estimular o pensamento era perigoso, porque as ideas poden cobrar vitalidade, medra a capacidade creativa, e hai quen lle ten medo a todo isto", continuou Quintana quedo, de pé nunha pequena tarima azul como as que empregou no que vai de campaña en case todos os seus mitins, e sobre a que se coloca, coas pernas paralelas e vai virando as cadeiras, así a situación o requira, ora falando cos da dereita, ora dirixíndose aos da esquerda. Un sistema co que semella estar máis perto do público, e sen a defensa que proporcionan os atris detrás dos que se acostuman parapetar os candidatos.

O líder do BNG estivo un anaco así, de pé e de fronte, facendo fincapé en que a "creatividade" é a "auténtica potencialidade dun país", ademais das "estradas, as empresas ou os servizos públicos", e que "o normal", unha cousa "nada extraordinaria" é que un goberno "se poña a carón" das mentes creativas, apoiando e dándolle pulo ás súas ideas e dándoas a coñecer. "Así estamos respondendo a unha débeda histórica", reiterou. "En ningún país normal pasa o que aconteceu aquí durante anos, que os creadores, os músicos, os artistas, os deseñadores... sexan coñecidos e admirados fóra do país, e que ninguén saiba deles aquí", sinalou ao tempo que sinalaba que as boas ideas deben "acompañarse", e deste xeito, "facer país".

"Puxémonos a bailar, e agora non nos poden quitar a música"
As labazadas ao PPdeG viñan seguidas, e os logros sinalados todos eles asociados á palabra "Goberno", xa que apenas se referiu a eles -a rede Nsaio, o GZCrea, a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), o Centro Coreográfico Galego (CCG), etc.- como a éxitos do Bloque.

"Anteriormente estabamos en condicións penosas, mais agora as cousas cambiaron. Este Goberno mudounas, e desenvolveu unha política transversal que apoiou os creadores, non só dende Xuventude, senón tamén coa Consellaría de Cultura e de Innovación e Industria". O discurso saíalle ao candidato fluído e rápido. Demorou moito tempo a gabar a rede de locais de Nsaio, que se creou esta lexislatura, e prometeu chegar ao medio cento nos catro anos que veñen. Mesmo soltou algunha anécdota para os asistentes. "Cando se creou a rede de locais de Nsaio, houbo quen pensou, 'se isto o fai no BNG, para entrar nos locais haberá que falar galego', e eu a esa xente dígolle, 'pois non, listo, non'", -risas-, "é certo que me gustaría que todo o mundo soubese falar galego, pero tamén é certo que aquí non hai peaxe, a estes locais pode entrar todo o mundo, porque entre todos estamos a construír este país, porque todos os grupos que ensaian na rede son galegos, tanto coma min".

Finalmente, Quintana pediu o "apoio" de quen o observaba. Un apoio para "construír o país", porque isto, segundo dixo, "non se fai en tres anos e medio", e "outros que están en fronte queren ir cara atrás". Mais neste momento o discurso, que saía só, cortouse, e Quintana sacou un papel no que tiña anotados as propostas para a vindeira lexislatura. Certo é que non as sabía de memoria, pero quedou estraño, cando antes as palabra saían soas. Falou da creación dun "único evento cultural multidisciplinar" que, alén dun día de festa, artelle "arredor del, outros mecanismos de promoción e creación"; das bolsas únicas para creadores, "que unifiquen toda a burocracia, unha cousa que sei que a vós vos amola moitísimo"; e propuxo fundar unha exposición de carácter anual, que agrupe todas estas facetas creativas para a súa promoción universal.

Unha frase feita para a ocasión, que non soou deste xeito saíndo da boca do candidato nacionalista. Despois, Quintana foi recuando e, a xeito de presentador de programa de variedades, anunciou a actuación de Proxecto Trepia, mais dun xeito pouco alagador para o grupo, xa que dixo que el había bailar, "se o que tocan é bailábel". Como parece que o era, na última peza Quintana sacou a bailar á secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, e un dos integrantes de Proxecto Trepia sacou a Teresa Táboas. E terminou a festa.

Quintana acusa a Feijoo de facer a "campaña máis suxa e rastreira" da historia
Ao terminar o encontro cos mozos e mozas, Quintana dirixiuse a atender á prensa, e, con aspecto anoxado, reclamoulle, ante as cámaras, ao líder do PPdeG e candidato á presidencia, Alberte Núñez Feijoo, que lle dese explicacións pola publicación dunhas imaxes nas que aparece a carón do empresario Jacinto Rey. A seguir, Quintana censurou a Feijoo por seguir na "campaña da mentira e a difamación, e tamén dos paparazzi", e por "inventar, até é capaz de inventar un accidente de tráfico para desmobilizar un acto coma este", sinalou. O candidato nacionalista, continuou dicindo que Feijoo está a facer "a campaña máis suxa e rastreira que se poida lembrar na historia política deste país".

En relación ás imaxes, Anxo Quintana xustificouse, dicindo que, como vicepresidente "teño a obriga e satisfacción de falar con todo o mundo. "con quen mo pida e onde mo pida", reiterou, referíndose ao lugar no que foron tomadas as imaxes, a bordo dun iate propiedade de Rey."Até onde quere chegar a mentira, a difamación, a sucidade e a terxiversación?", lanzou a pregunta ao ar, e volveu instar ao líder popular a debater: "que veña falar comigo, que o estou agardando... ou os tres ou os dous sós".


4,6/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A segunda candidata polas listas do BNG na Coruña, Ana Pontón, abriu o acto
A segunda candidata polas listas do BNG na Coruña, Ana Pontón, abriu o acto
Imaxes do encontro (clique para ampliar) no que actuou o grupo Proxecto Trepia, gañador do GZCrea
Imaxes do encontro (clique para ampliar) no que actuou o grupo Proxecto Trepia, gañador do GZCrea
Teresa Táboas bailou cun dos integrantes de Proxecto Trepia
Teresa Táboas bailou cun dos integrantes de Proxecto Trepia
E Anxo Quintana bailou coa secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi
E Anxo Quintana bailou coa secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi
Táboas con Quintana / Imaxes: César Galdo Paz
Táboas con Quintana / Imaxes: César Galdo Paz