Conversamos co profesor universitario da USC e candidato número 2 do PP pola provincia da Coruña.
Non se está máis cómodo nas aulas universitarias e nos micrófonos das tertulias...? Como é que lle dá por pegar este salto á area política?
Porque estamos vivindo unha situación de emerxencia económica e social. E nesta conxuntura considero que en particular os economistas temos o deber de tentar axudar a resolver as circunstancias que nos levaron á crise. E neste caso, o goberno español por un lado e o bipartito en Galiza por outro teñen un elevado grao de responsabilidade. No Congreso, o BNG avalou xunto co nacionalismo do PNV as políticas do PSOE. E en Galiza despregaron unha política económica moi desacertada
E logo dunha campaña intensa como esta, quedan por diante catro anos de lexislatura. Se cadra no executivo ou se cadra na area parlamentaria, sexa do lado do goberno ou da oposición. Sedúcelle ese combate na Cámara?
Real e sinceramente, non era algo do que tivese moitas gañas. Pero unha vez que aceptei o desafío e a medida que pasaron os días e a campaña, estou cada vez máis convencido de que tomei a mellor das decisións. Ademais de criticar, hai que dar exemplo e propoñer alternativas. E na próxima lexislatura vai haber que tomar decisións moi duras, custosas e se cadra impopulares. Non vai ser doado, pero é necesaria firmeza. Austeridade, recorte de gastos, descenso de impostos... e todo buscando non afectarlle e mirar pola solidariedade con quen o está pasando peor na sociedade nestes momentos. Será difícil, pero estou decidido a colaborar e traballar todo o duro que faga falta, porque temos programa e solucións.
Estou falando se cadra co próximo conselleiro de Economía no estremo de que o PP consiga a maioría absoluta? Caído o primeiro do PP en Ourense, que parecía chamado a ese rol, aceptaría vostede tal cargo?
Non era esa a idea coa que entrei na campaña. Pero nunha situación como esta, de crise profunda, entendo que os intelectuais en xeral e os economistas en particular temos a necesidade de implicarnos de xeito práctico. Desde ese punto de vista, por suposto, si que aceptaría se me chamasen para desenvolver unha responsabilidade dese nivel.
En tal estremo, cal sería a súa primeira ou primeiras decisións como conselleiro?
Estamos nun contexto de presión fiscal excesiva e endebedamento xeralizado. A miña receita pasa por tres eixos: redución de impostos, aumento da austeridade da administración e reforzo da competitividade. Hai que falar cos axentes socioeconómicos para cambiar as cousas, flexibilizando as cousas para fomentar o emprego e reducindo o gasto público esaxerado. O primeiro que imos facer é cambiar radicalmente o orzamento. Porque este Goberno fixo unhas contas pensando nun escenario irreal, falando dunhas previsións de crecemento económico que á volta de pouco tempo se demostraron non só falsas senón que estamos no fío da recesión. En cen días presentaremos un programa de urxencia con medidas e recortes que viren ese proxecto contraproducente.
Fora do departamento estritamente económico, cal é o seu reproche fundamental para o bipartito?
Creo que é o momento de centrarmos na crise económica, porque á fin condiciona o resto. Houbo un sector amplo de xente que alertamos desde moi cedo que iso ía mal e que non se debían negar as evidencias. Eu insistín na importancia da crise desde moi cedo nos debates en medios nos que puiden participar. Penso que non errei no diagnóstico. Agora é o momento de aplicar ese diagnóstico a solucións concretas e creo que o programa do PP responde a esa necesidade.
Por certo, se este convite llo tivese realizado Manuel Fraga en 2005 teríalle respondido que si igual que a Feijoo?
Eu colaborei en diversos momentos co entorno do partido cando mo pediron. Feijoo pediume agora unha colaboración específica nestas eleccións, e fíxoo se poñerme condicións. Pero é unha decisión que non depende de nomes. Insisto: existe un programa político co que tiven oportunidade de colaborar e co que coincido e estou convencido de que é a solución para as demandas urxentes do país. Se fose con Fraga a decisión sería similar nun contexto como este. A xente está endebedada até porcentaxes inauditas e en Galiza agora mesmo o saldo do emprego creado polo bipartito penso que é cero. Rematamos lexislatura co mesmo número de cotizantes, nin un só máis. Estamos nunha situación potencial de creba. Hai que actuar con urxencia.
Pregúntolle agora como analista universitario... algo bo faría o actual Goberno, non se quedaría vostede con algunha decisión ou inciativa impulsada estes anos?
Na área económica non vexo ningunha cousa positiva. Foron catro anos perdidos. Un balance pobre e cheo de fracasos. Decepcionaron en todas as áreas: ás familias e ás empresas.
Os seus rivais do BNG insistiron na idea dun instituto de crédito. Polo PSOE falan dun instituto de desenvolvemento. Analizou vostede estas propostas? Que propón nese debate?
Están baseados en espellismos. Por exemplo, a idea dunha banca pública require dun capital social que viría dun aumento de presión impositiva. Ímoslles quitar máis ás empresas para volverlles a dar? Iso non ten sentido. O PSOE e o Bloque xogan a propoñer ilusións sen apoioaturas económicas reais.
Outro tema que ten saltado ao primeiro plano en diversas ocasións, e timidamente respondido desde o PP, é o futuro das caixas de aforro, ao respecto dunha hipotética fusión de Caixa Galicia e Caixanova, vostede de que idea é?
Para falar diso primeiro había que saber como está a situación realmente. Porque agora mesmo só no ámbito do goberno español e do Banco de España teñen datos reais e polo miúdo de cal é a situación. Se analizados os datos vemos que hai un contexto claro de dificultade, é inevitábel que a proposta lóxica sexa a fusión e que se faga todo o posíbel para facilitala. Pero insisto, o primeiro é estudar a situación real.
E sobre o mesmo asunto das caixas, algunha clave concreta na súa opinión para a inminente reforma da lei de caixas?
Unha básica: que se garanta que haxa un criterio de escoitar a Xunta á hora dos grandes investimentos. Pero sen ir máis aló. Debe facerse con cautela, pero con garantías.