Seguen os movementos a nivel estatal. Mentres, as caixas galegas discrepan sobre esta posibilidade e ábrese a expectación sobre os pasos do próximo Goberno.
Primeiro foi Caja Castilla la Mancha e a andaluza Unicaja, quen a pasada semana chegaron a un principio de acordo de fusión que dará lugar á quinta caixa de aforros do Estado Español, cuns activos de 60 mil millóns de euros. A integración entre as diferentes entidades nestes tempos de crise é unha solución e unha oportunidade de negocio que non rexeitan os directivos ante unha situación financeira cada vez máis difícil.
Agora é a quenda de Caja Duero, quen autorizou aos seus responsábeis a estudar a súa posíbel participación nun eventual proceso de integración ou consolidación con outras caixas de Castela e León. Neste caso, a posibilidade dunha unión non abandonaría os límites da comunidade autónoma, un extremo que si se cumpriría no caso de Unicaja. En concreto, o consello acordou por unanimidade explorar a disposición doutras entidades para participar "en procesos de integración ou consolidación tendentes ao fortalecemento da solvencia, eficiencia e competitividade do sistema financeiro rexional".
Caso galego
Ante as dificultades que está a atravesar o sector, e que afectan especialmente ás caixas de aforro de menor tamaño, os procesos de integración son unha alternativa a estudar. Con todo, o ruxerruxe dunha posíbel fusión das galegas xa foi contestado nos pasados meses polos presidentes de Caixanova e Caixagalicia. Dunha banda, o responsábel da primeira, Xulio Fernández Gayoso, sostiña en febreiro que "a Galiza convénlle que haxa dúas caixas e que compitan por facelo cada vez mellor", ao tempo que aseguraba que esa fusión só se explicaría nunha situación extrema. Pola súa parte, o vicepresidente de Caixa Galicia, Salvador Fernández Moreda, sinalaba que "non sería malo formular unha integración no medio ou longo prazo".
Ao respecto tamén se pronunciou o conselleiro de Economía en funcións, Xosé Ramón Fernández Antonio, quen nunha entrevista de Vieiros aseguraba: "s procesos de fusión deben partir das entidades e neste momento temos un sistema de caixas eficiente e competitivo e nese sentido a fusión non está na mesa, senón o impulso da actividade económica, a modernización do noso país e a colaboración destas entidades plenamente comprometidas co noso desenvolvemento en profundizar nas liñas estratéxicas".
Con todo, se a situación financeira o suxire, o futuro goberno galego facilitaría esta unión. Así o aseguraba tamén a Vieiros en campaña electoral o responsábel económico do Partido Popular, Pedro Arias, quen sobre unha hipotética fusión dicía: "se analizados os datos vemos que hai un contexto claro de dificultade, é inevitábel que a proposta lóxica sexa a fusión e que se faga todo o posíbel para facilitala. Pero insisto, o primeiro é estudar a situación real".