Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tensións que veñen de longo

Nun fío o pacto de PSOE e BNG en Noia

Despois de que o alcalde lle retirase as competencias en urbanismo aos nacionalistas, o Bloque local ve "roto" o acordo.

Redacción / EP - 17:55 11/03/2009
Casa do Concello de Noia / Imaxe: Galipedia

Casa do Concello de Noia / Imaxe: Galipedia

"Os problemas veñen de moi atrás", admiten socialistas e nacionalistas ao respecto da crise de goberno aberta no Concello de Noia. O poder local está na actualidade nas mans de PSOE (6 concelleiros) e BNG (3 concelleiros), que fan valer o seu pacto fronte aos 8 asentos obtidos polo PP. Un equilibrio que podería rachar despois do último enfrontamento entre os socios.

"Non serei cómplice de que Noia perda un euro, polo que asumo eu mesmo as responsabilidades", afirma o alcalde, o socialista Rafael García Guerrero, quen xustifica no interese da cidadanía a revogación das competencias en urbanismo pilotadas até o de agora polo concelleiro nacionalista Xosé Bernaldo Castro. O punto de conflito é a proposta de Augas de Galicia para o saneamento integral da vila.

Enfrontamento no último pleno
Os nacionalistas entenden que o grupo municipal socialista forzou o enfrontamento no último pleno, levando a primeiro plano un asunto que o Bloque propoñía deixar enriba da mesa "para analizalo" polo miúdo. "Votamos nese sentido, igual que o PP, pero o PSOE fíxoo en contra", sinala Bieito González, voceiro local do BNG, para quen o acontecido é unha "ruptura unilateral" do pacto de goberno por parte dos socialistas.

Pola súa banda, o rexedor, que mantén na rede a bitácora rafaelgarciaguerrero.blogspot.com/"cualificou a decisión de simple "remodelación de goberno", lembrando que xa modificara o reparto competencial anteriormente, malia que daquela dentro do propio ámbito de xestión dos socialistas. Ademais, insiste Rafael García Guerrero en que se trata dun asunto urxente. "É a maior obra de Noia", define o investimento previsto de seis millóns de euros, salientando que servirá para frear os vertidos á ría. Con todo, e sen dar o pacto por roto, Guerrero desafía os nacionalistas: "Non me preocupa estar en minoría".

Desde o BNG láianse do que interpretan como renuncia ao diálogo por parte dos socialistas e ven neste novo enfrontamento un punto de inflexión que "pode ser definitivo" para o pacto de goberno. González acusa o PSOE de "actuar só en beneficio do partido" e de esquecer "os intereses de Noia". O Bloque noiés decidirá en asemblea este xoves o que farán os seus concelleiros ao respecto.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: