Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
No Aberri Eguna

Urkullu denuncia a "zarzuela española ditada dende Madrid" por PSE e PP

O presidente do PNV asegurou que o lehendakari é Ibarretxe, "porque así o decidiu a cidadanía vasca". A esquerda abertzale escenificou a unión nunha marcha.

Redacción - 09:10 13/04/2009
Ibarretxe e Urkullu, na celebración do Aberri Eguna en Bilbao

Ibarretxe e Urkullu, na celebración do Aberri Eguna en Bilbao

Na celebración central do Aberri Eguna -Día da Patria Vasca-, do PNV, en Bilbao, o seu presidente, Iñigo Urkullu, denunciou os pactos de goberno que se están a cocer na política vasca, describíndoos como "a zarzuela española ditada dende Madrid e cociñada por López e Basagoiti". Ao tempo, Urkullu asegurou que "o único lehendakari de Euskadi" é Juan José Ibarretxe, porque "así o decidiu a cidadanía vasca".

Polo seu lado, o propio Ibarretxe, no que estaba centradas todas as olladas, reivindicou o liderado do PNV sobre o pacto de goberno que asinaron os socialistas vascos e o PP. "A sociedade vasca é maioritariamente abertzale", dixo Ibarretxe no que podería ser o seu último acto público como lehendakari. Ibarretxe tamén afirmou que "ETA sobra", en referencia a un último comunicado enviado pola organización no que sinalan como o seu obxectivo principal o novo goberno do país.

A esquerda abertzale unida
As forzas da esquerda abertzale, mentres o PNV se xuntaba en Bilbao, fixeron unha marcha conxunta entre Irún e Hendaia, convocadas por Udalbiltza-Foro de Debate Nacional. Na xornada participaron tanto EA coma Aralar e Batasuna, e coas formacións, milleiros de persoas que se uniron para escenificar a amplitude da nación vasca, incluíndo Navarra, Euskadi e as provincias francesas.

Na marcha estaban presentes dirixentes de Aralar, como o seu coordinador Patxi Zabaleta, xunto a membros da esquerda independentista coma Arnaldo Otegi ou Tasio Erkizia, que reclamaron a necesidade da acción conxunta. O vicecoordinador de Aralar, Jon Abril remarcou que "pese a que non compartimos todos os obxectivos e as estratexias para conseguilos, é preciso o traballo común de todos". "Cremos na unidade de acción entre os abertzales e apostamos por ela", sentenciou Abril, matizando "pese ás ameazas de ETA".


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: