Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cara á asemblea do Bloque

'Máis BNG' rexeita os convites e chama a agardar pola voz da militancia o 10 de maio

Desde este sector ven "lexítimo" o que consideran unha aproximación de APU e Listas Abertas, pero rexeitan unirse á negociación até chegar á cita asemblearia.

Redacción - 10:00 03/05/2009

"Non está en xogo a unidade, senón o modelo de Bloque que queremos", subliñan desde a corrente Máis BNG, ao respecto do momento actual de debate interno, "a unidade xa é un valor compartido", analizan. Así, desde este sector ven risco de que o BNG quede estancado "sen adaptar a súa realidade nin a de Galiza, en continuo debate sobre si mesmo". "Apostamos por un BNG pro-activo dende xa, que lle dea a batalla a Feijoo cara a cara, no Parlamento e na rúa, que fale da sociedade e para a sociedade dende os noso compromisos de nacionalismo e esquerda",

Nun comunicado enviado aos medios este sábado, desde Máis BNG agradecen "todas as chamadas e propostas recibidas durante esta semana por parte dos diferentes compañeiros das diferentes listas", e ao fío afirman manterse "firmes" na intención de non chegar a ningún pacto até que a militancia se pronuncie no plenario da asemblea que os nacionalistas celebrarán o próximo 10 de maio. Desde a corrente liderada por Carlos Aymerich cualifican así de "lexítimo" que as demais listas ao Consello Nacional do Bloque "cheguen a acordos antes da asemblea" pero manteñen o compromiso de non entrar en tales negociacións até daquela. "Cremos que a militancia debe ser quen decida que modelo quere entre os dous que teñen posibilidades de liderar a nova executiva", sosteñen. Ao respecto, fan un novo chamamento á participación "cun espírito crítico e valente" e recórdanlle aos delegados que o seu voto é "libre e secreto" e que "son delegadas e delegados do BNG e non dunha lista".

O Encontro Irmandiño entende que hai "aceptación" global das súas teses por parte das outras correntes
"Forzamos a xogar o partido e definimos o campo onde había que xogalo", indican con símil futbolístico desde o Encontro Irmandiño, cerne das Listas Abertas, avaliando que o tempo estaríalles a dar a razón no marco de debate que propuxeron nas últimas semanas. Consideran desde ese punto de vista que conseguiron unha "vitoria política" no sentido de "activar" xente que se afastara nos últimos tempos do Bloque e xerar "expectación e ilusión".

Ao respecto da negociación cara á asemblea, remítense ao documento de "mínimos básicos" feito público esta semana, onde resumen media ducia de eixos clave. En primeiro lugar esixen que a vida orgánica e representación institucional dea espazo a todas as sensibilidades internas. A continuación citan a necesidade de "recuperar a colexialidade dos órganos de dirección", subliñando que en ningún caso o portavoz nacional deberá derivar "nun secretario xeral dun partido convencional" e chaman a "reafirmar a supremacía da organización sobre dos cargos institucionais". Unha quinta reclamación ten que ver co reforzo da vida asemblearia "como base da política horizontal do BNG", instando a que as asembleas locais e comarcais "recuperen poder de decisión". Por último, propoñen potenciar a integración de Galiza Nova no BNG. Por outro lado, desde este sector Irmandiño, rexeitan ter pechado unha primeira aproximación de pacto coa corrente de Alternativa pola Unidade.

Fontes das diversas correntes consultadas por Vieiros admiten a existencia de contactos onde alén do debate de fondo se tería posto xa sobre a mesa a posíbel explicitación do equilibrio de forzas na futura executiva. Un debate que Máis BNG insistiría en aprazar até a asemblea e no que a Alternativa pola Unidade e as Listas Abertas terían avanzado pola súa conta. Un dos modelos barallados debuxaría un reparto porcentual equivalente aos apoios colleitados na elección de delegados para a asemblea, sen ningunha maioría absoluta. Malia iso, todas as opcións permanecerían abertas, mesmo a posibilidade de pactos a só dúas bandas, aínda que é o estremo ao que ningunha das correntes en liza querería chegar, en beneficio da maior "pluralidade" posíbel.

As entrevistas en Vieiros cos primeiros en cada unha das principais listas ao Consello Nacional:



Poden ampliar nas webs de cada unha das principais correntes:


Ligazóns

4,38/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: