Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Rafa Villar, candidatura 'Máis Alá!'

"Non podemos permitir que o BNG se desinche como forza política nacionalista e transformadora"

Falamos con Rafa Villar, o número un da lista ao Consello Nacional do BNG que promove o Movemento Galego ao Socialismo e o colectivo xuvenil Isca.

R. Noguerol / Isabel G. Couso - 11:00 08/05/2009

Por que esta candidatura?
A primeira motivación é a de darlle continuidade ao proxecto e á nosa presenza no Consello Nacional do BNG, coa mesma vontade coa que xa en 2006 presentamos candidatura. A idea fundamental é a de conformar e fortalecer un polo soberanista e de esquerdas dentro do BNG. Pensamos que iso segue sendo necesario e que hai que camiñar nese sentido, reforzando esas liñas políticas e cun debate aberto que responda a isto: cómpre unha rectificación do traballo feito polo BNG nos últimos anos.

No marco desa rectificación que esixen do BNG, cal é a análise da perda do poder no Goberno desde a corrente que vostede representa?
Nós tiñamos claro que nos últimos anos, mesmo se cadra na última década, se estaba producindo unha perda de apoios na base social do nacionalismo. Sobre todo desde o acceso a responsabilidades institucionais clave. Nun primeiro momento nas cidades, despois na Xunta. E iso debíase a que a acción de goberno do BNG era moi tímida e propio discurso da organización e a mensaxe política estábase moderando, camiñando cara a un hipotético centro e rebaixando o seu perfil nacionalista. E iso ía provocando desafección na base social tradicional do nacionalismo.

O paso polo Goberno non mudou esa situación, xa que se seguiu moderando a mensaxe. Con todo, é ben certo que se fixeron cousas boas e propostas transformadoras: as poucas que fixo ese Goberno fíxoas o BNG, e é por iso que o PP vai a por elas... Pero tamén é certo que se desencantou moita xente na base habitual do nacionalismo. Agora é o momento de reflexionar, e esta asemblea é se cadra o primeiro punto de partida, e mudar as cousas. Porque non nos podemos permitir o luxo de que o BNG se vaia desinchando como forza política nacionalista e transformadora, porque é unha forza moi necesaria para o país na medida en que é a única que ten un proxecto propio para o país.

Insisten moito en pedir un "debate de ideas". Ven que o debate vai de momento por outro lado?
Si, porque sorprendeunos en todo este proceso asembleario que se centrase desde o primeiro momento en nomes: que si Aymerich, Guillerme, Beiras... Cando para nós iso non é o fundamental. As persoas deberan ser instrumentais de toda unha maquinaria político-organizativa que se chama BNG da que participamos 9 ou 10 mil militantes, e deberíamos ser máis, reducir a capacidade política da organización a quen sexa a persoa que lidere parécenos un paso atrás. O obxectivo debera ser o debate de ideas, dar cunha mensaxe clara, contidos claros e evidentemente tamén cun equipo que desenvolva despois ese proxecto. Equipo que por suposto debe ser plural e reflectir a pluralidade interna da fronte.

E no plano máis organizativo, que prioridades prácticas propoñen vostedes para o BNG?
O BNG debe recuperar o pulso como organización. Nos últimos anos intensificou moito o seu traballo institucional, e moitas veces desde unha perspectiva errada: moita xestión e pouco impulso político. E ademais ía desaparecendo a voz da organización como tal, circunscribindo todo ao ámbito institucional. Iso hai que revertelo, para acompasar o traballo institucional cun traballo político serio, de fondo, que se ten que desenvolver nas comarcas e concellos. Hai que devolverlle á militancia a ilusión, e facerlles saber que as súas achegas á organización son necesarias, importantes, que todos participan na toma de decisións e que este é un proxecto colectivo, horizontal, participativo e moi democrático. Un proxecto sen parangón do que nos debemos sentir moi orgullosos. Querer homologalo a unha forza política tradicional, tal e como intentaron algúns sectores, foi un erro. Ese erro hai que revertelo e desandar ese camiño.

Estaríamos falando de todas estas cousas se o BNG non tivese perdido o poder na Xunta?
Tristemente non. Nós cremos que este paso era necesario e íase ter que facer máis cedo ca tarde. Non sería bo que o BNG, perdendo apoios, e manténdose no Goberno seguise sen facer unha reflexión de cal estaba sendo a súa acción e traballo político. Estivéronse adiando debates durante moito tempo, unhas veces polas propias complicacións e dinámicas da axenda electoral e outras porque quen tiña responsabilidades na dirección do Bloque disfrazaba pequenos reveses electorais, que no fondo ocultaban perda de apoio social real, coa consecución de maior espazo a nivel institucional. Iso non quere dicir que nós non prefiramos que o nacionalismo estea no Goberno. Como dixen, as achegas máis importantes que se fixeron no curto período do goberno bipartito foron do BNG. E ademais, o PP significa a barbarie neste país, o neoliberalismo máis duro e o ocultamento da realidade de Galiza como tal.

Vostede é o máis novo das persoas que encabezan cada unha das candidaturas. E de feito, a corrente que representa ten atrás un significativo número de xente nova. Que reflexión lle merece o papel da mocidade no BNG estes últimos anos? Dá a impresión de teren menor relevancia?
Entendo que Galiza Nova debería afondar nun perfil propio e ter moita maior introdución entre a xente nova, con campañas e propostas propias á marxe do BNG, independentemente de que acompasase a súa mensaxe e discurso ao Bloque como organización. Para iso debería dotarse dunha estrutura e forma de traballar que lle permitise desenvolver autonomamente unha política para a mocidade e gañar mozas e mozos para o proxecto do nacionalismo. A nosa candidatura xunta moita xente moza de Galiza Nova, Isca e Movemento ao Socialismo que comparten esa perspectiva. Para unha organización como o Bloque contar cunha mocidade militante activa é fundamental, porque defendemos proxectos de futuro e longo percorrido que deben estar impulsados pola renovación e a xente nova.

Falando de renovación. Faltou vontade ou estratexia para ampliar a base militante?
Aí está claro que tamén se fallou. Porque toda organización, e máis unha coma o Bloque que propugna a transformación social a través dun abano de cambios non menores para a sociedade, necesita tamén de renovarse e dar paso a novas caras e conectar con todos os sectores sociais, nomeadamente coa mocidade. Por iso, un tema a traballar ten que ser a incorporación de nova militancia, pero non só nova en idade, que traballe socialmente desde unha óptica nacionalista e transformadora. Este é un proxecto moi importante para o país que necesita unha tensión social importante, porque nós non temos como organización nin grupos económicos detrás nin grupos mediáticos, senón que dependemos do esforzo e o traballo de cada un deses militantes.

Que condicións son irrenunciábeis para Máis Alá á hora de negociar acordos?
Nós previamente non falamos coas outras candidaturas e non sabemos como se vai desenvolver a asemblea. De entrada, presentamos candidatura propia ao Consello Nacional, cun discurso propio a prol do afortalamento dun discurso soberanista e de esquerdas. A partir de aí, pensamos que o BNG debe facer unha rectificación na liña política: un cambio de rumbo que acentúe o seu perfil nacionalista e o seu discurso cara a unha esquerda transformadora que se dirixa ás clases traballadoras e os sectores sociais máis desfavorecidos. A partir de aí terase que conformar unha dirección política para esta nova fase que nós pensamos que ten que ser plural, como o propio BNG é, e incluínte, no sentido de incorporar todas as sensibilidades que estamos representadas, que evidentemente responderán ao peso real que teñamos entre a militancia. E iso é de entrada a nosa aposta para esta asemblea e o que nos gustaría que saíse. Unha dirección consensuada, plural, única e que se abra a todas as sensibilidades.

E poderíamos pensar que hai máis capacidade de aproximación cara a unhas candidaturas que cara a outras? Pensemos por exemplo en negociacións que coinciden no tempo no ámbito sindical...
É difícil determinalo neste momento, porque é moi diferente a dinámica sindical da dinámica política na que se move o Bloque. De feito a nivel político existiu nos últimos anos no Bloque un núcleo de dirección conformado pola UPG e o chamado quintanismo, que hoxe parece que está roto, e a nivel sindical a dinámica foi distinta.

É vostede optimista ao respecto do que vai pasar nesta próxima asemblea?
Son optimista na medida en que penso que o debate está aberto. Non se pecha aquí, pero si que pode ser o principio para cerrarmos unha fenda e abrir unha nova etapa que contribúa a facer o BNG un proxecto nacionalista e transformador con vontade de ser hexemónico neste país. Porque este país necesita dun proxecto coma o Bloque. Ningún dos outros grupos políticos con representación parlamentaria ten un proxecto propio para o país. O nacionalismo si o ten, pero teno que desenvolver e perfilar e aí nós faremos as nosas achegas e propostas como Movemento Galego ao Socialismo, dentro da nosa lealdade ao proxecto do Bloque.


As outras entrevistas en Vieiros cos representantes de cada unha das principais listas ao Consello Nacional:



Poden ampliar nas webs de cada unha das principais correntes:


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: