Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ELECCIÓNS EUROPEAS

O Tribunal Supremo anula a lista de Iniciativa Internacionalista

Acusa a Alfonso Sastre e Doris Benegas de estar vinculados a Batasuna. Ferrín denuncia "un atentado contra as liberdades".

Redacción - 10:00 16/05/2009

O Tribunal Supremo anulou esta madrugada, por 11 votos contra 5, a candidatura Iniciativa Internacionalista, na que se integra Xosé Luís Méndez Ferrín como número 6, ademais doutros candidatos galegos, como Xan Carballo e Ricardo Castro, por considerala próxima á esquerda vasca abertzale. A candidatura encabezada por Alfonso Sastre anunciou que se querelará contra o ministro do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, e o de Xustiza, Francisco Caamaño, por inxurias e calumnias. Luis Ocampo acusou ao Executivo e a "certos medios de comunicación" de orquestrar unha campaña de "intoxicación" contra a lista.

"Este é o máis grave atentado aos dereitos civís e políticos ocorrido dende o 23 de febreiro de 1981" declaraba o venres pola tarde o grupo de portavoces de Iniciativa Internacionalista, nunha rueda de prensa ofrecida no Clube de Amigos da Unesco de Madrid co obxectivo, como explicou o escritor Carlo Frabetti, de "responder á campaña de criminalización que contra esta candidatura se está levando a cabo dende os medios e dende o poder".

O comunicado difundido por II incide en que a candidatura fora aprobada hai só cinco días pola Xunta Electoral, en decisión tomada por unanimidade tras una deliberación específica sobre o tema, ao coñecerse os informes da Garda Civil e e Policía Nacional, nos cales descartábase que Batasuna participara da creación de Iniciativa Internacionalista ou que promovera a lista. O documento informaba de que non consta contacto recente algún e que os 54 candidatos e 10 suplentes teñen un pasado impoluto e carecen de antecedentes en listas anuladas en anteriores comicios. Foi a partir de que os medios ABC e Norte de Castilla comezasen a súa campaña contra a candidatura, que empezou a asociarse mediaticamente a esta con outras formacións políticas ilegalizadas.

Presentación da candidatura, este sábado en Vigo
Estaba previsto que este sábado ás cinco da tarde Xosé Luis Méndez Ferrín e Doris Benegas, número 2 da lista, presentasen en Vigo a candidatura internacionalista. Ferrín, número seis na lista, afirmaba onte que a ilegalización da lista constituiría "un atentado contra os principios máis elementais da liberdade". Para Ferrín, trátase dunha "monstrosidade dende o punto de vista democrático"; para o Premio Nacional de Literatura, a Lei de Partidos é "antidemocrática" e advertíu que esta actitude "dará lugar a unha campaña internacional de protestas". O intelectual salientou que a lista de Iniciativa Internacionalista se basea en dous piares: "o dereito dos pobos á autodeterminación" e a defensa de vías "de carácter anticapitalista" para saír da crise económica.

Pola súa banda, a Frente Popular Galega difundiu un comunicado no que denuncia que "o chapapote oscurantista e inquisitorial que o Goberno do PSOE continúa empeñado en espallar, agora xa practicamente por todo o territorio que conforma o actual Estado español" e no que chama "á mobilización activa das traballadoras e traballadores galegos" pois "contra a marea negra do capital e o seu lacaio, o Estado Imperialista Español, cómpre responder coa marea vermella da nosa solidariedade".

A CUT acusa a PP e PSOE
Para a Central Unitaria de Traballadores (CUT), que integrou a dous dos seus militantes na lista de Iniciativa Internacionalista, Xan Carballo, Secretario de Relacións Internacionais, e Ricardo Castro, Secretario de Organización, trátase dunha "volta de torca do Imperialismo Español, a traveso dos seus principais referentes ideolóxicos PSOE e PP, que unha vez máis demostran que significa para eles a liberdade e a democracia da que tanto fan alarde, a persecución e ilegalización de todo aquilo que implique cuestionar o sistema actual".

NÓS-UP denuncia a "persecución política"

Nun comunicado Nós-Unidade Popular (non integrada na candidatura) denuncia a "perseguiçom política que está a sofrer a Iniciativa Internacionalista. Consideramos que os companheiros e as companheiras dessa lista tenhem todo o direito a apresentar candidatura e expressamos a nossa solidariedade com todos e cada um dos e das integrantes na lista, especialmente com os galegos e as galegas que participam na mesma". O comunicado conclúe que "A suposta simpatia da candidatura polos direitos dos povos oprimidos da Península e a posiçom declaradamente anticapitalista parecem suficiente prova para a sua classificaçom como 'filoterrorista', pondo de manifesto o carácter inquisitorial e liberticida do Estado espanhol, e a submissom colaboracionista dos principais meios de comunicaçom e dos partidos que sustentam o regime nascido a partir da reforma do franquismo".


4/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: