Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Nomeamento esta semana

O PP non consegue o consenso para a CRTVG

Afonso Sánchez Izquierdo, ex director de La Región, será novo director xeral do ente público.

Redacción - 12:05 20/05/2009

A Radio Galega confirmou este mércores que o xornalista Afonso Sánchez Izquierdo é o elixido para a dirección xeral da Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), cargo no que substituirá a Benigno Sánchez. O PPdeG realizou diversas aproximacións os últimos días ao contorno do PSdeG na procura dun punto de encontro ao respecto do nomeamento para a pilotaxe da CRTVG nesta lexislatura. Contactos que, segundo denuncian desde o Bloque, non incluíron os nacionalistas na busca do consenso.

Sánchez Izquierdo acumula unha longa traxectoria xornalística, a maior parte no diario ourensán La Región, do que foi director até o ano pasado. Licenciado en Dereito e Ciencias da Información, Izquierdo é tamén profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago.

O PSdeG di que Feijoo "impediu" o consenso
"Realizaron un ultimato co que racharon calquera tipo de acordo no seno das conversas exploratorias", reprochoulles aos populares o voceiro do grupo parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga.

"O presidente da Xunta mente cando asegura que hai un acordo previo e non di a verdade cando asegura que houbo unha reunión entre o presidente da Xunta, o presidente do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Pachi Vázquez, e calquera candidato ao cargo", engadiu Fernández Leiceaga. Aclaraba así o voceiro dos socialistas a lea parlamentaria acontecida no pleno deste mércores cando o presidente do Goberno se remitiu á presunta existencia dun acordo cos socialistas.

Leiceaga cualificou de "exploratorias" as conversas xestionadas polo voceiro adxunto do PpdeG na Cámara, Pedro Puy, ao respecto deste tema, e definiu de "pantomima" e "escenificación teatral" que o nome sexa proposto no Parlamento logo da súa aprobación no Consello deste xoves. Por outro lado, recordou o deputado do PSdeG o compromiso de pactar o nome do director xeral da CRTVG cos tres grupos parlamentarios e reclamoulle ao PP que o "traian á Cámara" para aprobalo por consenso. Leiceaga lembrou que o nomeamento debe facerse "con tempo" para "estabilizar o sistema para que a CRTVG reflicta a pluralidade do Parlamento". Salientou a necesidade de "pactar as liñas mestras que garantan a pluralidade informativa e a estabilidade financeira do ente público".


1,22/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: