Asegurouno o presidente da Xunta logo de que llo pedise o embaixador de Portugal no Estado Español.
Que os alumnos galegos de Secundaria teñan a opción de escoller a lingua portuguesa como materia se así o desexan. Esta foi unha das peticións que lle achegou o embaixador de Portugal no Estado Español, Álvaro José De Mendonça e Moura, ao presidente da Xunta de Galiza. E a proposta foi aceptada por Alberto Núñez Feijoo, quen se comprometeu a que o goberno estudará esta posibilidade incluíndo o portugués no currículum escolar dos estudantes.
O mandatario luso asegurou que en Portugal existe "unha demanda moi forte " de ensino de español e asegurou que ao seu goberno tamén lle gustaría que o executivo galego fixese o posíbel para que os nenos galegos puideran ter acceso á lingua portuguesa. Do mesmo xeito, adiantou que o goberno portugués tamén está a facer esta mesma proposta a outras comunidades autónomas do Estado Español, se ben subliñou que Galiza conta cunha relación especial con Portugal, polo que non debería ser allea á proposta de incluír o idioma portugués no seu plan de estudos.
Pola súa banda, Feijoo agradeceu a proposta que, dixo, precisa dunha "resposta positiva" e comprometeuse a avaliar a petición "valorando previamente as capacidades docentes galegas". Así, asegurou sentirse contento con esta petición e subliñou que o portugués constitúe, xunto co inglés, un dos idiomas "máis importantes do mundo xa que os seus falantes superan conxuntamente ás poboacións que falan alemán e francés".