O presidente da Xunta afirma que se "interesou polo asunto" e que se lle deu "esa explicación", mentres os socialistas evidencian "censura e manipulación".
O presidente da Xunta deu explicacións sobre a cancelación do programa A caixa negra na televisión pública. Alberto Núñez Feijoo recoñeceu en Lugo que se evitou emitir a reportaxe sobre as vacas tolas e atribuíu a decisión á "petición dun sindicato".
Feijoo, preguntado pola cancelación do programa, asegurou que a solicitude efectuárase "perante a situación de dificultade do sector agrario", convencido de que a emisión podería "prexudicar" o sector. "Así mo fixeron saber cando me interesei por este asunto", declarou.
O presidente do Goberno insistiu en que "esa foi a explicación que se me deu", aínda que afirmou que o sector agrario non ten agora mesmo "problemas hixiénico-sanitarios" e si de "prezos e sustento económico".
Pola súa banda, o conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, asegurou que a suspensión fora por razóns "probabelmente" obxectivas e culpou o anterior goberno de "múltiples exemplos de censura". Segundo Rueda, "nos catro anos do bipartito batéronse todas as marcas de utilización partidaria dos medios", cousa que "non se repetirá" nesta lexislatura.
"Censura e manipulación"
Dende o PSdeG, o parlamentario Xosé Luís Méndez Romeu asegurou que a retirada do programa "evidencia que chegou a censura e a manipulación" á compañía pública, e pediu a comparecencia urxente no Parlamento do director xeral da CRTVG, Afonso Sánchez Izquierdo. Romeu dixo que a medida "confirma as nosas peores sospeitas" de que haberá unha "volta ao pasado máis negro da historia do ente".
Sobre as novas directoras da televisión e da radio públicas, identificounas coa etapa de "máis manipulación, censura, descrédito e precariedade laboral da CRTVG", demostradas en que "en só 24 horas realizarin o seu primeiro acto de censura". Segundo os socialistas, a verdadeira causa da cancelación da reportaxe foi que forme parte da Consellaría do Medio Rural Antonio Crespo, "un dos responsábeis do enterro das vacas en Mesía".