O exército francés ha enviar un seu submarino na procura da aeronave, despois de que a quinta feira aparecesen uns restos que non lle pertencían.
O avión de Air France que desapareceu a pasada segunda feira no medio do Atlántico, enviou 24 mensaxes de erro nos seus sistemas antes de deixar de dar sinais, segundo indican especialistas franceses.
Segundo Alain Bouillard, que está á fronte do grupo francés de investigación e análise do accidente, as mensaxes foron enviadas á medida que os sistemas do avión ían ficando damnificados, un por un, incluíndo o piloto automático. Os sinais enviáronse nos catro minutos previos a que o Airbus 330-200 da compañía Air France, saíse da zona de localización do radar do Rio de Janeiro.
Aínda que de momento non se poden estabelecer as causas destas anomalías, os investigadores indicaron que o día do accidente, as condicións meteorolóxicas non eran "particularmente excepcionais", é dicir, que é pouco probábel que o avión fose danado por unha treboada, como nun primeiro momento foi indicado.
O voo AF 447, da compañía Air France, despegou do Rio de Janeiro ás 19h00 do pasado 31 de maio (ás 00h00, hora galega), e desapareceu dos radares brasileiros tres horas e media despois, con 228 pasaxeiros a bordo. Dende aquela, as autoridades franceses e brasileiras procuran a aeronave, que se cree está afundida nalgún punto do Atlántico. A pasada quinta feira atopáronse uns restos, mais non pertencían ao avión sinistrado. Francia indicou, esta sexta feira, que vai enviar un submarino nuclear do seu exército na procura do avión.