Introducirá un representante nos seus órganos de goberno. Ao tempo, Caixa Galicia semella máis aberta a unha posíbel fusión.
Dende hai meses fálase dunha posíbel fusión entre as dúas caixas galegas
Malia que a posibilidade de introducirse nos órganos de xestión das caixas galegas era unha posibilidade que xa se contemplaba na lexislación, até o de agora a Xunta nunca tomara esta decisión. Agora, a Consellaría de Facenda pretende reforzar o seu control e decidiuse a introducir a dous delegados para que estean presentes en Caixa Galicia e Caixanova a través das súas comisións de control, que son os máximos órganos de supervisión destas entidades e que se encargan de fiscalizar o seu traballo e revisar os balances. Con todo, estes representantes da Xunta terán voz, pero non dereito a voto.
Cobra forza o ruxe-ruxe da fusión
Doutra banda, o propio Alberto Núñez Feijoo aseguraba que "cos datos que existen, non nos parece oportuna unha fisión precipitada nas caixas". Asegurou que este é un asunto de "extrema importancia" e apelou á cautela para todo tipo de pronunciamentos ao respecto. Así as cousas, asegurou que "na Xunta estaremos activos e vixilantes coa evolución do mercado financeiro".
Ao mesmo tempo, fanse cada vez máis fortes os rumores e movementos para impulsar unha posíbel fusión entre as dúas caixas galegas. Caixa Galicia amósase agora máis aberta a esta opción, ao asegurar que non son contrarios ás fusións, xa que a súa propia orixe nace da xuntanza doutras caixas preexistentes, como a da Coruña, Pontevedra e Ourense. Pola contra, Caixanova segue a defender a existencia de dúas entidades galegas, coas que entende que "se ofrece un mellor servizo a todos os galegos".