"Todo se andará", agoira Manuel Fraga ao respecto da situación de Luís Bárcenas, disculpando que o seu partido non tomase aínda medidas.
"Entendo que o que decidiu o señor Rajoy é que en canto haxa unha inculpación vanse tomar as medidas correspondentes, e aí estamos todos", afirmou presidente fundador do PP, senador e ex presidente da Xunta. Opina Manuel Fraga que a dimisión de Luís Bárcenas do seu posto de tesoureiro do PP é "asunto del". "O que teña que facer el é asunto del, e o que ten que facer Rajoy é o que nos interesa a todos", sentenciou.
As declaracións de Fraga este xoves, realizadas á porta da Comisión Xeral de Comunidades Autónomas, chegan despois da decisión esta cuarta feira do Tribunal Supremo de asumir a causa contra o tamén senador e contra o deputado Jesús Merino. Á luz dese novo chanzo no caso Gürtel, o PP comunicou a súa convicción de que non existe unha trama de financiamento ilegal do PP e minimizou a gravidade do presunto delito fiscal de Bárcenas.
Sobre o mesmo asunto, o deputado do PP Vicente Marínez Pujalte foi até o de agora o máis contundente nas súas declaracións públicas dentro da súa formación, pronunciándose a prol de que o tesoureiro do partido dimita. Ao respecto, o secretario de Comunicación do PP, Esteban González Pons, admitiu este mesmo xoves nunha entrevista radiofónica que a opinión de Pujalte "compártea lexitimamente moita xente".