Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SUBVENCIÓN EN FUNCIÓN DA RENDA

As axudas para libros de texto serán para as familias que gañen até 1.500 euros ao mes

A bolsa cubrirá un máximo de 180 euros. Recibirán a metade os pais que cobren entre 500 e 750 euros mensuais por persoa do fogar.

Redacción - 17:00 26/06/2009
Segundo os cálculos da Xunta , o 25% das familias galegas beneficiaranse da gratuídade total

Segundo os cálculos da Xunta , o 25% das familias galegas beneficiaranse da gratuídade total

"A modalidade elixida permite unha maior solidariedade, centrando as axudas nas familias con menos recursos ao contrario que o anterior modelo que outorgaba cobertura universal, fose cal fose o nivel de renda", expoñen esta sexta feira desde a Consellaría de Educación. Un argumento engadido ao respecto da iniciativa avanzada hai días polo presidente da Xunta e presentada formalmente este venres é que lle "devolverá a estabilidade ao sector do libro, afectado profundamente polo sistema de préstamo e que vía como os seus ingresos variaban cada ano en función dos cursos que se tiñan que renovar".

O terceiro argumento en favor desta medida é o aforro que avalían será posíbel para a caixa pública. Segundo os datos manexados pola consellaría de xeito concreto para o vindeiro curso 2009-2010 e de solicitaren a axuda todas as familias do país que entrarían no baremo, a Xunta gastará 9,7 millóns de euros fronte aos 14 millóns que o bipartito calculaba gastar ese mesmo curso. Din desde o Goberno que con esas cifras e garantindo un aforro do 30% durante catro anos, o gasto acumulado necesario até 2013 segundo o modelo anterior, un total de 70 millóns de euros, quedará para daquela en 49 millóns.

"O modelo anterior de café para todos era unha enganosa medida universal completamente independente do nivel de ingresos, e que non reparaba nas necesidades específicas das familias, o que provocaba ademais un gasto moi elevado por parte da administración", xustifica a consellaría de Educación.

A bolsa cubrirá a totalidade do gasto en libros para familias con ingresos de ata 5.400 euros anuais por persoa no fogar –ou ata 6.000 euros, se a familia é monoparental- cunha axuda máxima de 180 euros por cada neno. Para as familias con ingresos entre 5.400 e 9.000 euros por persoa no fogar –ou entre 6.000 e 9.000 euros no caso das monoparentais-, a consellaría garante unha axuda aproximadamente da metade do custo. No caso de alumnado de Educación Especial a bolsa será de até 250 euros.


3/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: