Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
1.224 millóns de euros

A Xunta "reorienta" o 11% dos orzamentos aprobados polo Goberno bipartito

O presidente Feijoo non precisou que proxectos quedarán sen financiamento coa nova reordenación.

Redacción - 17:45 09/07/2009

A Xunta "reorientará" un total de 1.224 millóns de euros das contas aprobadas polo anterior Goberno, en total un 11% do orzamento autonómico- co obxectivo de "dinamizar" a economía e "abrir o camiño" para superar a crise.

Confirmouno esta quinta feira o xefe do Executivo, Alberto Núñez Feijóo, á saída da xuntanza semanal do Consello, e avanzou que esta "reordenación" de créditos beneficiará 44 mil desempregados e inducirá a creación de 20 mil novos postos de traballo.

Feijoo explicou que este será o importe co que estará dotado o comprometido plan de choque contra a crise, que a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, presentou nesta mesma reunión ao Goberno e que porá a disposición dos sindicatos e da patronal este venres.

O plan, dixo, inclúe 40 medidas de dinamización económica en torno a catro liñas de actuación, que son o fomento de emprego, a promoción da produtividade e do tecido industrial, o apoio ás familias e outras medidas sociais e operacións de financiamento para "mellorar" a liquidez das empresas.

"Unha boa ferramenta"

O presidente do Goberno recoñeceu que esta reorientación orzamentaria non vai solucionar a crise económica, mais garantiu que será "unha boa ferramenta" para "loitar" contra ela. Ademais, explicou que o proxecto inclúe os 144 millóns de euros "aforrados" grazas ao "plan de austeridade" aprobado polo seu Executivo.

No entanto, Feijoo non precisou que proxectos quedarán sen financiamento coa reordenación de 1.224 millóns de euros. "Gustaríame poder ter un power point para explicar todo o plan", respondeu Feijóo preguntado ao respecto e avanzou que nos próximos días se coñecerán máis detalles.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: