Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Entrega o 25 de xullo

Medalla de ouro de Galicia para os catro ex presidentes

O Consello da Xunta aproba a homenaxe este ano a Xerardo Fernández Albor, Fernando González Laxe, Manuel Fraga e Emilio Pérez Touriño.

Redacción - 14:25 17/07/2009

"En atención á relevancia dos servizos constantes prestados á sociedade galega" o Consello de Goberno aprobou este venres o decreto que lles concede a Medalla de Galicia, na súa categoría de ouro, aos catro ex presidentes do Executivo. A máxima condecoración outorgada polo Goberno seralles así imposta aos ex presidentes nun acto a celebrar o próximo Día da Patria.

"Son as cabezas visíbeis da Galiza democrática, da Galiza autonómica, da Galiza plural e da Galiza moderna", repasou o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, durante o anuncio posterior diante dos medios da decisión do seu gabinete. Engadiu Núñez Feijoo que o recoñecemento aos catro ex presidentes quere homenaxear "o liderado dun éxito colectivo, que é ter consolidada a Autonomía despois de 27 anos". "Prestixiaron e seguen a prestixiar o pobo de Galiza", expresou o mandatario, insistindo en que a concesión da máxima distinción do Goberno quere constituír "un tributo de toda Galiza".

Fraga, o único activo na primeira liña
Xerardo Fernández Albor accedera ao cargo de Presidente en xaneiro de 1982 e optou nos seguintes comicios á reelección, manténdose no cargo até 1987, cando unha moción de censura o botou fóra do Goberno. Logo de pasar dúas lexislaturas no Parlamento Europeo (1989-1999), na actualidade é asesor do Consello Consultivo e articulista. É tamén membro de institucións como a Academia Médico-Quirúrgica, a Sociedade de Ciruxía de Galicia, o Padroado da Universidade, o Padroado Rosalía de Castro, o Instituto da Lingua Galega, o Museo do Pobo Galego, o Instituto Otero Pedrayo e Cruz Vermella.

Fernando González Laxe foi Presidente entre 1987 e 1989, nun goberno de coalición entre o PsdeG-PSOE, Coalición Galega e o Partido Nacionalista Galego. Fracasou posteriormente no liderado da candidatura socialista coa chegada de Manuel Fraga á area política galega. Apartado da primeira liña política desde aquela, na súa condición de licenciado en Ciencias Económicas e doutor en Ciencias Económicas e Empresariais, mantivo a súa actividade docente na Facultade de Economía da Universidade da Coruña. En abril de 2009 volveu a primeiro plano sendo nomeado presidente do Organismo Público Portos do Estado, dependente do Ministerio de Fomento do goberno español.

A Laxe sucedeuno na presidencia do país Manuel Fraga Iribarne, quen estivo no cargo de presidente da Xunta entre os anos 1990 e 2005. Logo da conformación do bipartito aquel ano e do posterior proceso de sucesión que levou a Alberto Núñez Feijoo ao liderado do PpdeG, Manuel Fraga marchou a Madrid onde é actualmente senador por designación autonómica. É presidente fundador do PP e forma de parte de diversas organizacións europeas como o Comité das Rexións ou a Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas de Europa.

O penúltimo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, mantén actualmente a acta de deputado no Parlamento pola provincia de Pontevedra, malia estar apartado na práctica da primeira liña política do seu partido. Doutor en Ciencias Económicas e profesor numerario na Universidade de Santiago de Compostela, onde foi Vicerreitor para Asuntos Económicos, ten manifestado a súa vontade de centrarse agora en exclusiva na súa actividade docente.


1/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: