Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONSELLO DA XUNTA

O Goberno adicará 1.200 millóns ao seu 'plan de choque' contra a crise

Así quedan bautizadas un conxunto de medidas destinadas ao fomento do emprego, da produtividade e do tecido industrial, de apoio ás familias e de financiamento de avais.

Redacción - 19:15 30/07/2009




O anunciado e agardado Plan de Choque contra a crise económica que o presidente da Xunta prometera para os primeiros 100 días de goberno xa ten cifras e obxectivos definidos. O Consello da Xunta aprobou este xoves "reorientar" 1.200 millóns de euros para distribuílos entre 40 medidas de dinamización económica.

Estes cartos dispensaranse en catro eixos de actuación: fomento do emprego, do tecido produtivo, o apoio ás familias e medidas sociais, e dotar de liquidez ás empresas. Ademais, prevé actuacións na área das tecnoloxías da información e a Comunicación (TIC), melloras nas infraestruturas hidráulicas, medidas de dinamización do medio rural e melloras nas instalacións do Camiño de Santiago.

Desta cantidade, un 10,4%, é dicir, 125 millóns de euros, sairán do Plan de Austeridade do Goberno que, segundo o presidente Núñez Feijoo, "supuxo aforrar 144 millóns grazas á redución dos gastos correntes". O Plan, que se desenvolverá nos próximos seis meses, foi aprobado logo do seu debate con empresarios e forzas sindicais, quen achegaron as súas consideracións sobre o borrador feito público o pasado xullo.

Fomento do emprego
Para impulsar a creación de postos de traballo resérvanse 178 millóns de euros. Desa cantidade, 90,1 millóns de euros recibiranos as entidades locais, universidades e entidades sen ánimo de lucro, para contratar a traballadores que esgotaran a prestación por desemprego. Ademais, para fomentar a súa inserción laboral, a Xunta destina outros 57 millóns a programas mixtos de emprego e formación, ben a través da contratación por conta allea ou mediante o autoemprego.

Outros 6,3 millóns de euros destinaranse a plans de recolocación destes traballadores en paro, así como os procedentes de sectores produtivos en crise, con especial atención á construción, a lousa, a maderia, o téxtil e o comercio, así como os afectados por ERE's.

Finalmente a esta dotación únese unha partida de 24,4 millóns para plans de formación e outras axudas, aínda sen concretar por Traballo.

Produtividade e tecido industrial
Para o fomento do tecido produtivo, haberá outros 811 millóns de euros, que se adicarán aos sectores básicos, como o lácteo. Deles, 644 millóns serán investimento en infraestruturas para "aumentar a competitividade" e "mellorar a difícil situación que están a pasar as explotacións gandeiras".

Apoio ás familias
No referente ás medidas sociais, a Xunta anuncia que haberá un montante de preto de 115 millóns de euros, que se distribuirán en 113,7 millóns para financiar servizos e prestacións da Lei de Dependencia, e o resto en axuda a desempregados para facilitar a súa mobilidade xeográfica.

A isto engádese a modificación dos requisitos para aprazar e fraccionar o pago de débedas de dereito público coa Administración galega ou a redución do tipo impositivo do Imposto de Transmisións Patrimoniais para facilitar o acceso á vivenda das familias numerosas e os mozos menores de 36 anos.

Financiamento e avais
Finalmente, este Plan de Choque reserva un total de 78 millóns para financiamento e avais que doten de liquidez ás empresas, nun intento de compensar a restrición crediticia actual.

No caso do sector da industria da automoción, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) apoiará aos investimentos no sector con 60 millóns de euros, ademais de liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das pemes por un importe de 7,6 millóns de euros.

A todo isto engádense 1,8 millóns para o programa Re-Imaxina, de apoio ao investimento nestas pequenas e medianas empresas; unha liña específica para mobilizar préstamos aos comerciantes; 20 millóns para a área de tecnoloxías da información, adicados especialmente ao acceso a internet a través de banda ancha; ou dous millóns de euros para reforzar o cooperativismo a través dun fondo de capital de risco para a súa promoción.


1/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: