"Con vostede Galiza baixou a segunda división", acusa o voceiro parlamentario do Bloque, Carlos Aymerich, ao presidente da Xunta.
"Na súa primeira proba importante falloulle a este país", censurou na súa intervención o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, "vostede elixiu obedecer as ordes de Madrid e de Rajoy e trouxo un mal financiamento para Galiza".
Fronte a esa avaliación, Aymerich expuxo a proposta do Bloque para a reforma do financiamento, un modelo que, defendeu, "está baseado nun cálculo rigoroso das nosas necesidades de gasto, de todas as competencias que temos transferidas, para garantir a suficiencia financeira; e logo que ese financiamento se cubra cos impostos que pagamos todos os galegos e galegas". Segundo as contas debulladas polo deputado nacionalista, para iso Galiza debera recadar o 80% dos impostos. "Porque o 50% pódenlle chegar a Madrid, Valencia ou Cataluña, pero non a Galiza", advertiu. "Partimos de realidades desiguais e hai que artellar niveis de cesión distintos para chegar ao punto final por igual", reclamou.
O voceiro do BNG chamou a atención sobre o feito de que Galiza vaia recibir menos do 7% de todos os recursos, por baixo do 7,8% de 1999 e do 7,11% de 2007, "co agravente de que cada ano iremos perdendo unha décima". Un escenario que, segundo acusa Aymerich, é resultado dunha negociación onde o presidente da Xunta "traizoa os intereses de Galiza". Para Carlos Aymerich a chamada "abstención intelixente", en palabras de Feijoo, agocha en realidade un acatamento "implícito" a cambio duns millóns de euros adicionais "que o PSOE agora nega". Conclúen así desde o Bloque que a razón última "desta covardía" está nas ordes que impuxo a dirección do PP en Madrid.