"Carece do máis mínimo rigor científico", censuraron os deputados nacionalistas Carme Adán e Bieito Lobeira.
"A enquisa non tiña ningún sentido dende o principio e moito nos tememos que acabe seguindo o camiño do fraude", reprocháranlle á Consellaría de Educación os deputados do BNG Carme Adán e Bieito Lobeira nunha conferencia de prensa hai xa días. Daquela, o grupo do Bloque no Parlamento presentara unha iniciativa na que demandan que a Xunta informe na Cámara da metodoloxía empregada no reconto da consulta sobre o galego do ensino. Sobre o conxunto do proceso, os nacionalistas opinan que se converteu nun "bochornoso espectáculo mediático".
Este venres, Carme Adán e Bieito Lobeira compareceron novamente diante dos medios para avaliar a publicación dos datos e, denunciar ao respecto, que os resultados "non avalan para nada" a derrogación do decreto do galego que anunciou a Xunta. Os nacionalistas esixen agora a dimisión tanto do conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, coma do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo. A deputada pontevedresa Carme Adán cualificou a enquisa de "farsa" e criticou particularmente que tanto os partidos políticos como a comunidade educativa "foran totalmente obviados no proceso". Lobeira recordou que o documento "carece de credibilidade" e insistiu en que as preguntas "foron manipuladas" en favor dun proxectado proceso de "aniquilación da lingua galega".