Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NOS HOSPITAIS

Sanidade recoñece a suspensión das horas extras, mais esgrime mellor coordinación

Logo das críticas do PSdeG, o Goberno censura a política sanitaria do bipartito e asegura que se traballa na reorganización asistencial para evitar ingresos innecesarios.

Redacción - 17:00 10/08/2009
O PSdeG alertaba das consecuencias nas listas de espera da eliminación das horas extras en todos os hospitais

O PSdeG alertaba das consecuencias nas listas de espera da eliminación das horas extras en todos os hospitais

A Consellaría de Sanidade asegura que está a traballar na "reorganización asistencial" co fin de mellorar a coordinación entre Atención Primaria, Especializada e Servizos de Urxencias e evitar así "ingresos innecesarios". Esta foi a contestación que recibiron as críticas do PSdeG, nas que denunciaba que a Xunta ordenara aos hospitais suspender toda a actividade extraordinaria.

O PP deféndese disparando contra a xestión do bipartito co Sergas
"Unha mostra máis do fracaso das políticas sanitarias do bipartito". Así resumen desde o grupo parlamentario do PPdeG o acontecido co chamado programa de centralización de compras do Servizo Galego de Saúde (Sergas). "Fixo augas desde os seus inicios e nin sequera chegou a acadar a metade dos obxectivos marcados", denuncia o PP, remitíndose ao informe de fiscalización que o Consello de Contas elaborou ao respecto da área de contratación do Sergas en 2006.

Segundo eses datos a previsión de compras centralizadas prevista inicialmente quedou nun 36,34% e "fronte ás 27 novas licitacións previstas tan só se realizaron 7". Din os populares que tomando en consideración o gasto real do exercicio 2006 os resultados quedan dúas décimas porcentuais sobre a situación de partida do ano 2005". En 2007, o grao de cumprimento destes obxectivos "é aínda peor", xa que "só se acadaron o 20% dos obxectivos previstos".

Ao fío, sinalan que as directrices da política sanitaria aprobadas polo Consello da Xunta en outubro de 2005, logo dos acordos da Conferencia de Presidentes sobre o gasto sanitario de 2004 e 2005, estabelecían neste sentido como obxectivo estratéxico o aumento da eficiencia na xestión e prestación dos servizos sanitarios. Con todo, Sanidade subliña que o órgano fiscalizador poñía en evidencia no seu informe a "descoordinación, a desviación de actividade ordinaria a extraordinaria, e que a autoconcertación non redundaba nunha mellor coordinacións hospitalaria.

Mesa Sectorial
Doutra banda, algúns sindicatos con presenza no Sergas xa lamentaron a decisión de Sanidade de eliminar as horas extras e advirten que coa suspensión da actividade tamén se paraliza o traballo que se fai fora das horas extraordinarias, o que permitía que as listas de espera non aumentasen.

Nesta liña, a Federación de Servizos Públicos da UXT xa solicitou á Xunta que convoque de xeito urxente a Mesa Sectorial para tratar o tema. "Débese abordar de xeito inmediato, unha negociación que permita abordar o funcionamento da sanidade pública nas quendas da tarde, di Eliseo Rivas. Así, adiantou que "o que non se pode facer é os responsábeis sanitarios poñan en dúbida a profesionalidade dos traballadores".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: