Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Proxectos de colaboración

Ferrol e Narón tenden pontes metropolitanas

Os rexedores de ambos os dous concellos limítrofes definen iniciativas concretas de cooperación municipal.

Redacción / Europa Press - 09:30 15/08/2009

Os concellos coruñeses de Ferrol e Narón impulsarán a súa área metropolitana con convenios e proxectos en colaboración antes de que comece a funcionar o proxecto común que debera saír da Xunta. Así o aseguraron este venres os alcaldes de Ferrol e Narón, Vicente Irisarri e Xosé Manuel Blanco, respectivamente, na sinatura do convenio de colaboración para ampliar o servizo de bombeiros.

Sinalaron que é a "primeira vez" que se garanten dúas saídas simultáneas deste servizo. Segundo explicou a edil de Seguridade, Sandra Ríos, conta cun "protocolo de actuación e un servizo de verdadeira calidade". O alcalde de Ferrol, pola súa parte, resaltou que continúan os traballos para "avanzar cara a un proxecto futuro máis ambicioso", en relación ao parque comarcal de bombeiros que ambos os dous concellos queren compartir. Así mesmo, os dous alcaldes aseguraron que "xuntos" conforman a "terceira cidade de Galiza" e que "aproveitarán esta forza para impulsar" proxectos conxuntos.

Transportes
Este é o caso do Plan de Transporte Metropolitano, xa que, segundo manifestou Vicente Irisarri, "traballan estreitamente" para pedirlle á Xunta que poña en marcha o plan. Irisarri destacou que se trata de poñer en funcionamento a chegada dun metro lixeiro en coordinación con Feve que une "Narón co Arsenal Militar", explicou. Ademais inclúese a construción dunha estación de mercadorías entre os polígonos de Río do Pozo e San Pedro de Leixa que os "conecte co porto exterior", agregou.

Dentro dos proxectos futuros o rexedor ferrolán apuntou a futura construción dunha piscina climatizada de 50 metros que construiría a Xunta e do mantemento da cal se encargarían os concellos de Ferrol e Narón. O alcalde naronés, pola súa banda, destacou a importancia deste "paso máis" para situar os dous concellos na "cabeceira da bisbarra" e anunciou unha "nova vía de colaboración" entre os dous municipios. Irisarri e Blanco anunciaron, ademais, a intención de revitalizar a mancomunidade. "Queremos contratar unha xerencia profesional", apuntou o rexedor ferrolán e tamén anunciou que se atopa en "fase de estudio" a posta en marcha dunha canle de Televisión Dixital Terrestre entre os municipios da mancomunidade.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: