Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PASO ADIANTE

A reforma do aborto, a unha semana de converterse en realidade

O ditame do Consello de Estado, favorábel á lei de prazos, acelera o proceso que recibirá o visto bo do Consello de Ministros o vindeiro venres.

Redacción - 11:15 18/09/2009

Dúas décadas e media despois da aprobación a actual lei do aborto (1985), todo apunta a que a súa modificación comezará o trámite legal o vindeiro venres. O último paso deste longo camiño deuno esta semana o Consello de Estado, un dos principais órganos consultivos do goberno español, que emitiu un informe favorábel á reforma proposta polos socialistas. Este ditame, preceptivo aínda que non vinculante, apoia a decisión do executivo de substituír a actual lexislación por unha lei mixta de prazos e ofrece un importante amparo logo de que outros dos órganos consultivos, o Consello Fiscal e o Consello Xeral do Poder Xudicial, rexeitasen o proxecto (o primeiro abertamente e o segundo sen sequera conseguir un acordo dos seus membros para emitir un informe).

O texto será agora previsiblemente elevado ao Consello de Ministros o vindeiro venres, día 25, logo de que o executivo analice polo miúdo todas as recomendacións deste último ditame. Entre as cuestións que xa transcenderon do informe destaca a unanimidade da decisión de apoiar a reforma, que suporá, por primeira vez no Estado Español, un sistema de prazos para regular esta práctica: as mulleres poderán decidir libremente interromper o seu embarazo durante as primeiras 14 semanas de xestación e até a semana 22 no caso de risco tanto para a nai como para o feto. O Consello de Estado entende que esta modificación é plenamente compatíbel coa Constitución e fai diferentes recomendacións, a máis notábel a de modificar un dos puntos máis polémicos da futura lei: o que autoriza a abortar sen o consentimento dos pais ás mulleres a partir dos 16 anos.

O aborto nas menores, centro do debate
No caso das mulleres de entre 16 e 17 anos, o Consello de Estado confirma que a última palabra e a decisión de abortar é súa, mais recomenda que os pais sexan informados e poidan opinar. En canto ás rapazas de entre 12 e 15 anos, que si precisan o consentimento familiar para interromper o seu embargazo, o órgano subliña que, neste caso, elas deberían tamén ser escoitadas.

Malia esta recomendación, queda agora por ver como asume o goberno español a introdución de posíbeis cambios no articulado. Este venres, a ministra de Sanidade e Política Social, Trinidad Jiménez, asegurou que "mantería" o Anteproxecto de Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embrazo co aborto libre para as mulleres de 16 anos. Con todo, amosouse tamén partidaria de que esta reforma saia adiante co "maior consenso posíbel".

Entre as suxestións do Consello tamén se atopan cuestións como que as mulleres que pensen en abortar reciban unha información exhaustiva, detallada e personalizada, segundo as circunstancias de cada caso, sobre as alternativas, axudas sociais e económicas ao seu alcance para que a súa decisión sexa tomada en total coñecemento das posibilidades que se lles ofrecen.


Ligazóns

5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: