O buscador líder decide non incluír na súa versión .es a ligazón conmemorativa do aniversario de H. G. Wells.
Algúns días sinalados do ano, Google cambia o seu logotipo para conmemorar algún día mundial ou aniversario. Este 21 de setembro era a quenda do escritor H. G. Wells, autor de clásicos da ciencia-ficción como A máquina do tempo ou A guerra dos mundos. Google decidiu celebrar o aniversario do autor cunha imaxe que representa uns pratos voadores sobrevoando unha aldea.
Pero este luns, moita xente puido comprobar que, ao pasar o punteiro do rato por riba da imaxe, aparecía unha estraña mensaxe: "Not for Spain". Que querería dicir iso? Que os extraterrestres non invadirían o Estado Español por algún escuro motivo?
A explicación é moito máis simple, aínda que tamén escura. Google está a bloquear as agresivas estratexias de posicionamento en buscadores (SEO) que se desenvolven no Estado Español. As imaxes conmemorativas do buscador ligan a unha busca relacionada co autor ou coa efeméride, o que significa que as webs que aparecen entre os primeiros resultados desa busca reciben miles de visitas.
Os 'doodles', que así se chaman as modificacións do logotipo de Google, convertéronse nun dos obxectivos dos especialistas españois en posicionamento, que tentan colocar, a cambio de diñeiro, unha web determinada entre os primeiros resultados, o que, ao final, contravén o obxectivo de Google, que é atopar o que se busca. Ese parece ser o motivo dese "Not for Spain", unha sorte de aviso a navegantes, segundo conta a web de novas Menéame. Así, a versión do buscador para o Estado Español non inclúe ligazón, e quizais siga sen facelo nas próximas efemérides.