Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A PARTIR DAS 12 DA NOITE DESTE MARTES

Sen acordo sindical, os gandeiros súmanse á folga europea

Malia a oposición de UUAA e XXAA, o Sindicato Labrego asegura que recolleu un número importante de adhesións, que se visualizarán en actuacións puntuais.

Isabel G. Couso - 21:00 21/09/2009

Será a partir das 12 da noite deste martes. Logo dunha semana de debate e de sumar adhesións á proposta de folga que xa están a secundar os gandeiros franceses, alemáns, holandeses ou belgas, o Sindicato Labrego Galego (SLG) decidiu este luns levar a cabo medidas similares. "Nesta semana recollemos un importante número de compromisos para sumarnos á acción de protesta europea", di Carme Freire, secretaria xeral do SLG, "malia que aínda non contabilizamos todos os apoios, a día de hoxe sabemos que as explotacións que se sumarán a estas accións son máis que as que iniciaron a folga por exemplo en Francia".

Así, con toda probabilidade, o vindeiro mércores comezarán a darse os primeiros problemas na recollida do leite: "algunhas explotacións xa decidiron non entregarllo á industria como medida de presión", explica Carme, adiantando que serán "accións puntuais, nas que se faga visíbel a nosa protesta". Dende o SLG fan un chamamento a que se unan a estas mobilizacións todos os gandeiros do país, independentemente da súa filiación sindical.

O acordo de Madrid non vale
Freire subliña que o pacto asinado en Madrid, secundado por Xóvenes Agricultores e Unións Agrarias, non ten validez para os gandeiros galegos. Este acordo estabelece a obrigatoriedade de asinar contratos homologados nos que figura un prezo medio anual, para o que se toma a referencia da cotización francesa. Segundo explica a secretaria xeral do Sindicato Labrego, esta referencia deixaría os prezos nas mesmas cifras que se están a pagar actualmente, entre 22 e 24 céntimos por litro, unha cantidade que non cobre os custes de produción.

Así o confirmaron na xornada do luns dous gandeiros da Coordinadora Europea Vía Campesina: o francés René Louail asegurou que o prezo medio recibido polos gandeiros do seu país ronda os 24 e 26 céntimos por litro; mentres, outro produtor alemán, Uli Jasper, destacou que no seu país o prezo oscila entre os 19 e 21 céntimos. Así as cousas, o Sindicato Labrego entende que non hai outra saída que as necesarias vías de presión, neste caso, en coordinación coas accións xa iniciadas tanto en Francia, como Alemaña, Holanda, Bélxica, Italia, Luxemburgo, Austria e Suíza.

"Gran mentira para desmobilizarnos"
Estas accións puntuais que convoca o SLG manteranse no tempo mentres non se chegue a unha solución para a grave crise na que se atopa o sector. "O feito de que a folga se manteña ao longo dos principais países produtores europeos fai que todos podamos sumar forzas, temos que solidarizarnos os uns cos outros", di Freire, "e non tirar pedras sobre o noso propio tellado.

Nesta liña, a secretaria xeral do SLG criticou duramente aos demais sindicatos agrarios do país: "cun acordo para o sector lácteo que non dá resposta ás nosas necesidades, desmobilizar os gandeiros para que non se sumen a esta protesta non é máis que mentir. Non poden vender este acordo como unha solución cando non é certo: as solucións teñen que ser políticas e europeas".


4,27/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



As accións de protesta iniciaranse a partir das 12 da noite do martes
As accións de protesta iniciaranse a partir das 12 da noite do martes
Ao longo da xornada, os gandeiros do SLG escoitaron a situación da folga en Europa da man de franceses e alemáns
Ao longo da xornada, os gandeiros do SLG escoitaron a situación da folga en Europa da man de franceses e alemáns
Carme Freire lamenta que outras forzas sindicais estean "mentindo" e "chamando á desmobilización"
Carme Freire lamenta que outras forzas sindicais estean "mentindo" e "chamando á desmobilización"