O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, pide que Alberto Núñez Feijoo "dea explicacións á sociedade galega" sobre a implicación do PP galego na polémica.
"Feijoo non pode actuar neste asunto como se non fose con el, el é o máximo dirixente do partido", analizou este martes o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, ao respecto dos datos que se van coñecendo sobre o caso Gürtel, ao tempo que solicitaba as explicacións do líder do PP galego. "Tería que abrir unha investigación interna e depurar responsabilidades ao nivel que fose", reclamoulle a Alberto Núñez Feijoo. "Que outros dirixentes coñecían os manexos de Pablo Crespo?", desafía Vázquez a responder.
Na opinión de Guillerme Vázquez, a sociedade ten dereito a saber até que punto estivo o PPdeG "enleado na trama" durante o tempo en que foi Pablo Crespo o seu secretario de Organización. De paso, entende o voceiro nacionalista que é imprescindíbel que o PP galego aclare "se a día de hoxe non mantén ningún vínculo con esa trama de financiamento irregular". Láiase Vázquez de que nesta altura e malia o "escándalo social" das revelacións xudiciais o presidente do PP, Mariano Rajoy, "non tome nin unha soa determinación política á hora de que o seu partido asuma responsabilidades".