Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Concentración diante da Consellaría de Traballo

Déficit de recursos, temporalidade... os traballadores quéixanse de "parálise" no Consorcio

No Parlamento o BNG acusou a Xunta de manter pechados centros de día xa rematados. O Goberno prometeu abrir unha ducia antes de que acabe o ano.

Redacción - 18:30 07/10/2009

As relacións laborais no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar está "en situación de parálise", segundo xulgan os delegados sindicais da CIG, que este mércores se concentraron diante da sede da Consellaría de Traballo e Benestar Social en protesta pola situación.

Os traballadores quéixanse da "incerteza" e "precariedade" no servizo e debullan media ducia de problemas. Así por exemplo, piden resolver todas as "irregularidades" que se estarían dando no que ten que ver coa xestión de listaxes, substitucións, cobertura de baixas, modalidades de contratos, falla de recursos materiais e humanos, despedimentos, oferta formativa insuficiente, etc...

Reclaman a negociación, "tal e como fora acordado", de medidas para solucionar a temporalidade do persoal e insisten na necesidade de celebrar os procesos de selección de persoal xa convocados e coas bases aprobadas. Por outro lado, solicitan a convocatoria inmediata do comité directivo do Consorcio para ratificar o convenio colectivo. Ao fío, queren que os orzamentos inclúan as partidas necesarias para o seu cumprimento, especialmente no referido a xornada e incremento de salarios.

Os centros de día xeran enfrontamento no Parlamento
Na mesma xornada e durante a Comisión de Política Social do Parlamento, o voceiro do grupo parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, afirmou que a Xunta "prefire meter persoal a dedo nos centros de día do Consorcio no canto de convocar oposicións para que se cubran as prazas".

Aymerich preguntoulle ademais ao xerente do Consorcio acerca do motivo polo están pechados até 15 centros de día construídos durante a anterior lexislatura e outros oito conveniados cos concellos "e que tamén permanecen pechados".

Ao respecto, o responsábel da entidade, Roberto Rodríguez, admitiu a situación, mais asegurou que doce destes centros entrarán en funcionamento "entre finais deste ano e comezos de 2010". De cumprirse o prazo serían deste xeito a comezos do ano que vén un total de 542 novas prazas. Rodríguez dixo na sía intervención que o orzamento neste apartado aumentará en 24 millóns de euros respecto ás anteriores contas. Ademais, asegurou que en poucos días o Diario Oficial de Galicia (DOGA) convocará a apertura de listaxes nalgunhas categorías e ámbitos territoriais para facer fronte "ás actuais necesidades de persoal".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: