O presidente da Xunta asegura que a moción se realiza "conforme á lei" e advirte que non incumpre o Pacto Antitransfuguismo.
Darío Piñeiro (PSdeG) é, até o de agora, o alcalde de Láncara
Tan só tres días despois de que que o ex-alcalde e portavoz popular, Eladio Capón, dese por pechadas as portas a unha posíbel moción de censura, o acordo con Terra Galega (TeGa) xa é unha realidade. O bastón de mando que, até o de agora, ostentaba o socialista Darío Piñeiro, cambiará de mans proximamente. Queda por ver se asumirán a alcaldía os populares (o máis probábel) ou os edís de TeGa, flocos últimos dunhas negociacións que ambos partidos manteñen dende o verán.
Daráselle así a volta á corporación municipal conformada a seguir das últimas eleccións, que deron como resultado catro concelleiros para PSdeG, outros catro para o PP, un para o BNG e dous para TeGa, grupo que se fixo coa chave do goberno apoiando, nun primeiro momento aos socialistas e, agora, aos populares.
Unha persoa moi do PP
Ricardo Núñez, un dos edís de TeGa, asinante da moción de censura asegurou este venres que "non descarta" integrarse no Grupo Municipal Popular, xa que "aínda" milita neste partido. Na mesma liña se pronunciou Capón, quen atribuíu a "un problemiña persoal" o feito de que Núñez non concorrese nas listas populares ás eleccións.
"Sempre fun unha persoa moi do PP", dixo o concelleiro de Tega quen, porén, adiantou que "aínda ten que pensar" a posibilidade de integrarse definitivamente nesa formación. Pola súa parte, o portavoz popular defendeu a lexitimidade desta iniciativa resultado dun acordo que, asegurou, que selaba na noite do xoves. "Non constitúe ningún caso de transfuguismo nin nada diso", dixo, ao tempo que argumentou que o municipio "estaba sen goberno".
Na mesma liña se pronunciou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, quen afirmou que a moción de censura de Láncara se presenta "conforme a lei" e advertiu de que "non supón ningún incumprimento entre partidos políticos". Subliñou que "é unha colación postelectoral entre dúas formacións e este tipo de cuestións están previstas legalmente".
O PSdeG ameaza a TeGa
O outro actor en discordia, o PSdeG, xa se adiantou a lanzar unha mensaxe a Terra Galega. Di que se a dirección do partido non desautoriza a moción de censura, todos os pactos de goberno que manteñen os socialistas con esta formación "estarán abertos" e, polo tanto, "serán susceptíbeis de ser revisados un por un".
A ruptura dos acordos entre estas dúas forzas políticas podería precipitar novos acontecementos noutros concellos. Primeiramente, estaría na corda frouxa a alcaldía de Meira, que ostenta actualmente Antonio de Deus, de Terra Galega, co apoio socialista.