Dous son modelos A8 da marca Audi, matriculados en 2000 e 2001 con máis de 200 mil quilómetros, e o outro, un A6 de 2001 con case 300 mil.
A Xunta vendeu este sábado, nunha poxa realizada complexo administrativo de San Caetano, tres dos 20 coches de gama alta dos que se quixo desfacer por un valor total que alcanzou os 28.870 euros, polo que estuda a realización dunha segunda poxa pública que reduciría nun 15% o prezo dos vehículos restantes.
En concreto, un dos particulares que asistiu, adquiriu polo valor taxado de 9.830 euros o lote número 3, mentres unha segunda persoa comprou os lotes 5 e 8, con licitacións de 9.140 e 9.990 euros, respectivamente.
Os dous primeiros turismos son dous modelos A8 da marca Audi, con máis de 200 mil quilómetros e data de matriculación dos anos 2001 e 2000. O terceiro é un Audi A6 de 2001 con case 300 mil quilómetros.
As bases da poxa, publicadas no DOG do pasado 24 de setembro, prevén unha nova poxa pública coa aplicación dun desconto do 15% dos tipos de licitación actuais. Ao respecto, fontes da Consellaría de Presidencia indicaron que o departamento autonómico "estuda" esta posibilidade mais "non é moi probábel que se faga".
Actualmente, os prezos dos turismos oscilan entre os 11.330 euros do máis barato e os 38.890 euros do máis caro, con quilometraxes entre os 103 mil e os 452 mil quilómetros e matrículas de 2002 -un deles-, dez de 2003, catro de 2005 e dous de 2007.
Blindados
Esta poxa pretendía completar o contrato de permuta que a Xunta pechou en días pasados para se desprender dos tres Audi A8 blindados, un adquirido baixo a Presidencia de Emilio Pérez Touriño e outros dous na de Manuel Fraga. Estes vehículos custaron ao erario público no seu momento de compra máis dun millón de euros, mais foron taxados para a operación en 330.650 euros.
O Goberno pechou a operación coa única oferta que recibiron e que lles permitirá permutar os únicos tres vehículos blindados cos que contaba por 12 Citroën Berlingo e Picasso novos que se empregarán para a “prestación de servizos sociais”, segundo consta no expediente.