A Consellaría de Medio Ambiente asegura que é precisa unha longa tramitación debido a un erro de forma.
A voceira de infraestruturas do Grupo Parlamentario do BNG, Teresa Táboas, acusou o goberno do PPdeG de adiar a aprobación das directrices de ordenación do territorio para aprazalas até despois das eleccións municipais e evitar, así, abrir un debate cos concellos porque "non lles interesa".
Táboas anunciou que presentará unha interpelación para que o Goberno explique o atraso, xa que si tramitou con "axilidade" proxectos como a Lei de Transporte ou o Plan Move, mentres non o fixo coas directrices, das que depende o resto das actuacións. Así, acusou a Xunta de "empezar a casa polo tellado", o que evidencia unha falta de definición do modelo de país.
A parlamentaria lamentou que o presidente e advertiu de que deixar de aprobar as directrices relegará Galiza aos últimos postos entre as comunidades que xa teñen resolta esta cuestión, como Asturias, Navarra, Cataluña ou Euskadi.
A consellaría contestou que a causa do atraso na tramitación das directrices é porque é preciso repetir a tramitación ambiental "porque o Goberno anterior non cumpriu os prazos estipulados nin a lexislación ambiental". Os servizos xurídicos recomendaron reconducir o expediente, conservando os actos libres de defectos de forma e de fondo.
Táboas dixo que Alberto Núñez Feijoo, ao ampararse nun suposto defecto administrativo que xa coñecía cando foi investido presidente, está a buscar unha coartada, polo que lamentou que estea "mentindo máis unha vez", tanto por incumprir os prazos como por defender a creación da "super consellaría" de Obras Públicas, Medio Ambiente e Territorio, que non foi quen de se decatar "da existencia de dito erro" e solventalo.
Un longo trámite burocrático
Medio Ambiente explicou que o novo documento de inicio se remitiu a finais de novembro ao órgano medioambiental competente para que abra un período de consultas, que durará un mes. O seguinte paso será a elaboración dun novo documento de referencia e o informe de sustentabilidade ambiental. Solicitarase o informe da Consellaría de Facenda e procederase á aprobación inicial, que irá a exposición pública por unha duración de dous meses. Unha vez se analicen as alegacións, haberá outro prazo de tres meses para elaborar o documento para a súa aprobación, que se remitirá de novo ao órgano ambiental e se volverá pedir outro informe a Facenda.
Nese momento poderanse aprobar provisionalmente as directrices, que se elevarán ao Consello da Xunta e despois ao Parlamento, para levar a cabo a súa tramitación e posterior aprobación definitiva nun novo Consello.