Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OUTEIRO DE REI

La Arzuana gaña a pugna por Pascual

A empresa burgalesa asina un principio de acordo con este grupo de cooperativas para o aluguer da planta de Outeiro de Rei, que exclúe a proposta de Feiraco.

Redacción - 19:00 10/12/2009

A decisión xa está tomada. O Grupo Leite Pascual xa lle deu o visto bo á proposta de Alimentos Lácteos, unha sociedade de recente creación integrada por diferentes cooperativas e liderada por La Arzuana, para o aluguer da súa planta en Outeiro de Rei. O outro grupo liderado por Feiraco, que pugnou até o último momento pola fábrica e que contaba co apoio da meirande parte das cooperativas galegas, quedou inicialmente excluído.

Puntos de consenso
Segundo informa o grupo lácteo castelán nun comunicado, os 85 empregos actuais da factoría quedarían garantidos neste principio de acordo. O cadro de persoal pasaría a depender dun novo operador, que estaría dirixida por un novo xerente, que se chama Roberto Casas. Ademais, manteríanse as mesmas condicións de salarios e antigüidade e o compromiso contemplaría certa "estabilidade do emprego". A maiores, Pascual comprométese cos traballadores, durante un período de tres anos, a manter as indemnizacións pactadas no Expediente de Regulación de Emprego (ERE) posto en marcha no pasado mes de maio.

Os traballadores, que este mesmo xoves asistían á sesión do Parlamento, recibiron esta resolución con sorpresa, mais tamén con certa satisfacción. "Agora temos que ver como se escenifica este acordo nos vindeiros días" explica a Vieiros Christian López (CIG), membro do Comité de Empresa, "é certo que nos sorprendeu que a escollida non fose Feiraco mais aquí o que se trata é de garantir os postos de traballo e iso é o único que nos importa".

Quen é Alimentos Lácteos?
Este grupo de cooperativas que obtivo o visto bo da empresa e, en consecuencia, o apoio da Xunta de Galiza e a achega económica do IGAPE, está liderado por La Arzuana. Esta cooperativa, que se constituíu en 1976 e que se adica á elaboración do popular queixo de Arzúa dende 1993, é só a cabeza visíbel deste proxecto que lle gañou a partida a Feiraco e que conta con outras tantas organizacións cooperativas.

En concreto Alimentos Lácteos representa a uns dous mil asociados que se distribúen en La Arzuana (Arzúa), Gancobre (A Pastoriza), Perpetuo Socorro (Arzúa), Mopán (Monterroso) e Tierra Llana (Castro de Rei).

E Feiraco?
A propia Xunta de Galiza e mais a empresa burgalesa subliñaron nas súas últimas manifestacións ao respecto en que as propostas de Feiraco e La Arzuana eran as que tiñan máis posibilidades de facerse coa propiedade ou aluguer da planta. Porén, a de Feiraco parecía contar con máis apoios tanto sociais como políticos. Dunha banda, a práctica maioría das cooperativas lácteas ratificaron o seu respaldo a este proxecto a comezos de mes, nunha xuntanza celebrada en Santiago. A esta proposta adheríronse Icos (Chantada e Taboada), Os Irmandiños (Ribadeo), Melisanto (Melide) e Colaga.

Da outra banda, tanto PSdeG como BNG exixiron ao Goberno a adopción das medidas necesarias para impulsar a adquisición da planta de Pascual por parte deste grupo, ademais de demandar a implicación política de Medio Rural para crear un gran grupo lácteo, que garantiría a actividade da planta, mais tamén o mantemento dos empregos e a recollida de leite aos produtores. Ao coñecer o resultado das negociacións, a deputada Tareixa Paz (BNG) acusou ao conselleiro de ter "un comportamento sectario" e dixo: "alegrámonos polos traballadores, mais gustaríanos saber se no Igape o que conta á hora de conceder axudas son os informes técnicos ou traer o carné do PP na boca".

Máis alá das implicacións políticas da escolla de La Arzuana en detrimento de Feiraco, o conselleiro de Medio Rural, quen se dirixiu aos traballadores presentes no Parlamento, explicou que a proposta non é excluínte. Tanto Samuel Juárez como Pascual no seu comunicado aseguran que "está aberta a oportunidade a outras cooperativas ou grupos gandeiros galegos para que entren a formar parte deste proxecto".


2/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: