A 30ª edición do festival portugués exhibirá máis de 400 filmes entre a última semana de febreiro e a primeira de marzo.
Comezará o 22 de febreiro e estenderase até o 7 de marzo. O Fantasporto chega este ano á súa trixésima edición e promete animar Porto con moito cinema. Logo de 30 anos de existencia, esta edición dá especial importancia ao cine francés, do que se fará unha retrospectiva, mais tamén ao portugués, cunha homenaxe ao produtor e realizador Luís Galvão Teles, que recibirá o premio a unha carreira do festival.
Nesta edición serán exhibidos máis de 400 filmes, tanto no teatro municipal Rivoli como no Espaço Cidade do Cinema. A apertura oficial contará coa estrea de "Solomon Kane", producida por Samuel Hadida e dirixida por Michael J. Basset, un filme inspirado nun libro de Robert E. Howard. Como peche, o último día do festival contará coa película "The Crazies", de Breck Eisner, a historia dunha pequena cidade de Kansas onde o abastecemento de auga é misteriosamente contaminado.
O programa ofrece tamén as tradicionais seccións oficiais competitivas do festival: Cinema Fantástico, Cinema Fantástico en Curtas, Semana dos Realizadores e Orient Express. Ademais, coloquios, debates, presentacións de libros e de discos, mesas redondas e conferencias diversas completarán o Fantasporto. Este festival obtivo en 2008 o premio ao maior evento cultural realizado en Portugal e foi clasificado pola revista estadounidense Variety como un dos 25 festivais de cine máis importantes do mundo.